A documentación e a interpretación do territorio a través de diferentes miradas, formalizacións e formulacións foi unha das constantes liñas de traballo do CGAC ao longo da súa historia. Ese labor traduciuse, tanto mediante a produción como a través da adquisición de obras, nunha colección en que figuran nomes tan diversos e significativos como Günther Förg, Gabriele Basilico, Humberto Rivas, Rubén Ramos Balsa, Ricard Terré, Francesc Torres, Hamish Fulton, Damián Ucieda, Xurxo Lobato, Juan Rivas, Mar Caldas, Manuel Sendón, Carme Nogueira, Andrés Pinal, Jesús Madriñán, Montserrat Soto ou Virxilio Vieitez.
Esta mostra reúne o proxecto realizado por Manolo Laguillo (Madrid, 1953) entre 2025 e 2026 a partir dunha encarga do CGAC para a súa incorporación á colección. O traballo documenta o impacto dos elementos construtivos urbanos, así como dos procesos industriais e económicos, na transformación da paisaxe galega.
A súa mirada fotográfica sobre a paisaxe urbana é unha das máis certeiras e complexas do panorama europeo actual. Comeza a traballar en Barcelona na segunda metade dos anos setenta e, xa desde esas primeiras fotografías, desenvolve un estilo documental que incide especialmente nos valores expresivos da arquitectura. As tensións que revelan as súas imaxes son as da arquitectura e a ruína, a construción e a destrución, o pasado en proceso de converterse en futuro e as friccións entre cidade, barrios e periferia urbana, así como entre modernidade e cultura popular.
Aínda que Barcelona foi o principal obxecto de atención na súa obra por decisión propia, tamén a documentou a través de encargos impulsados por diversas administracións públicas para rexistrar as transformacións da paisaxe urbana. Ao longo dunha dilatada traxectoria, o seu traballo estendeuse ademais a outras cidades como Belfort, Madrid, Trieste, Beirut, Lleida, Berlín, O Porto, Chicago, Nova York ou Girona. Así mesmo, recibiu importantes encargas de documentación por parte de museos de arte contemporánea, como o realizado para Valladolid polo Museo Patio Herreriano (2022-2023) ou o promovido polo Museo Universidad de Navarra (2014-2015), centrado en oito capitais de provincia españolas.
Este proxecto sobre Galicia elude calquera pretensión de exhaustividade e configúrase como un cruzamento entre tipoloxías urbanas que alteran, enriquecen e contaminan a paisaxe, e unha serie de itinerarios azarosos que mostran a colisión entre espazos rurais inmersos en procesos de urbanización, infraestruturas, canteiras e industrias que transforman a natureza, e a cidade entendida como espazo da arquitectura.
