Pilar Albarracín (Sevilla, 1968) foi unha das creadoras claves na renovación das linguaxes artísticas en España durante os anos noventa. Nunha escena ata entón dominada pola pintura e a escultura, o seu traballo foi pioneiro no uso da fotografía, a performance ou a instalación como medios de expresión artística, e contribuíu a formular algunhas das cuestións fundamentais para entender a evolución das prácticas artísticas nas últimas décadas. En 2021 a artista presentou no CGAC, no marco da segunda edición de Plataforma. Festival de Artes Performativas, a exposición individual Pilar Albarracín. Accións peregrinas.
A creación artística ofrece outras lecturas que poden facer aflorar emocións ou significados ocultos no noso subconsciente. Recontextualizar ou dispor doutro modo elementos pertencentes á esfera do cotián non só os fai visibles, senón que lles outorga un novo significado.
Mandala (Arc en ciel) (2012) forma parte dunha serie máis ampla integrada por outras cinco pezas que actualmente pertencen ás coleccións do CAAC de Sevilla e o MUSAC de León. A obra exposta no hall do CGAC está constituída por un conxunto de bragas usadas de diversas cores e tamaños dispostas en círculos concéntricos. Neste contexto, as pezas de roupa interior femininas adquiren un significado novo e profundamente simbólico, modelando un universo sagrado onde se combinan harmoniosamente o individual e o colectivo.
A configuración xeométrica do mandala bríndalle á artista a posibilidade de mostrar de maneira simultánea os diferentes significados ocultos na súa obra. Os círculos máxicos, o eterno retorno, o sagrado e o profano, son algúns dos temas implícitos nunha peza que nos invita a formularnos preguntas e, ao mesmo tempo, ofrécenos respostas acerca do corpo feminino.
Mediante a participación colectiva de mulleres de diferentes horizontes, procedencias, idades e morfoloxías, a artista conseguiu crear un todo único e plural que representa o comezo dun novo mundo.
