A orde das primeiras cousas é o catálogo da exposición do mesmo título organizada polo Centro Galego de Arte Contemporánea no inverno de 2015.
Desde os seus inicios, a obra de Carlos León (Ceuta, 1947) evidenciouse coma unha das propostas fundamentais para comprender o proceso de ruptura que, operando desde o corazón mesmo da pintura, derivou as prácticas pictóricas cara a unha creba consciente do réxime de visibilidade e abriunas ao espazo baleiro dunha expresividade que extraviou o suxeito dos seus requirimentos, unha expresividade que traza –no plano desolado en que deveu o cadro– os rastros desa gozosa procura.
Ademais dos textos de Fernando Castro Flórez e do propio artista, o catálogo inclúe unha introdución asinada polos comisarios da mostra, Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, e unha entrevista con Carlos León.
