Catálogo editado polo Centro Galego de Arte Contemporánea con motivo da exposición Caruncho en 2004. Contén textos do comisario, Antonio Bonet Correa, Catedrático Emérito de Historia da Arte na Universidad Complutense, e de José Jiménez, Catedrático de Estética e Teoría das Artes na Universidad Autónoma de Madrid. O primeiro aborda en “A xeometría sensible de Luís María Caruncho” as diferentes etapas da súa vida artística e o segundo presenta en “O principio triángulo” unha relectura da obra de Caruncho no contexto do constructivismo, estilo do que é un moi significativo expoñente. O catálogo complétase con cerca de noventa ilustracións de obras que pertencen ás cinco décadas de carreira artística de Caruncho e unha extensa cronoloxía que resume a traxectoria vital dun incansable creador comprometido coa cultura galega.
