Con motivo da exposición Compostela o Centro Galego de Arte Contemporánea publica unha serie de libros de artista que documentan as achegas de diversos fotógrafos e vídeo-artistas de sona internacional a un proxecto integral que xira arredor da cidade de Santiago e as súas contornas. En Compostela. Lorna Simpson a artista presenta a súa videoinstalación Corridor (2003), coa cal convida o espectador a cuestionar determinados clixés arredor de cuestións como o xénero, a raza ou as relacións sociais. Os vídeos, que se proxectarán en paralelo sobre as paredes do CGAC, subliñan a insólita proximidade entre dúas mulleres afro-americanas pertencentes a épocas e clases sociais diferentes e ocupadas na realización das súas tarefas cotiás. A publicación inclúe un texto de presentación do artista, asinado polo comisario da exposición Miguel Fernández-Cid, e un texto da comisaria e crítica de arte catalana Marta Gili, titulado “Peregrinos do futuro”.
