As estratexias discursivas sobre as que se asenta a obra de Diego Santomé están directamente vinculadas aos conceptos de utopía e fracaso, equilibrio e inestabilidade. As súas pezas funcionan como procesos de desocultación dunha realidade que emerxe como fallo das conquistas sociais, cuxas pegadas recupera o artista para reflexionar sobre a posibilidade de reconstruílas.
Esta publicación, con textos de Agar Ledo e Juan Canela, repasa a traxectoria do artista desde finais dos anos noventa. Concédelle unha atención especial á súa produción audiovisual máis recente, en particular ás pezas Galápago europeo (Emys orbicularis), 2013-2014, e Apuntamentos e breve aproximación a Sargadelos, primeira versión, 2014 ambas presentadas por primeira vez na exposición Peza de esquina e outros espazos en conflito, que acolleu o CGAC no verán e o outono de 2014.
