Este catálogo ofrece unha visión completa e abranguente da obra de Antón Lamazares (Maceira, Lalín, Pontevedra, 1954) ao longo de máis de cincuenta anos de carreira ao tempo que permite abordar, na súa complexidade, unha das figuras máis senlleiras do contexto artístico galego. Coa axuda de múltiples voces chegadas de ámbitos tan diversos como a historia da arte, a crítica ou a poesía, o libro propicia unha apreciación actualizada da orixinalidade da obra de Lamazares.
Achegarse ao seu traballo é experimentar o silencio, formar parte dunha constelación marabillosa que nos brinda estados de contemplación e intensifica o gozo. A súa pintura é o resultado da sabedoría e a grandeza de saber rescatar a humildade, a sinxeleza, o vigor, a coraxe, o corazón, o amor, a morte, a plenitude...nun universo de verdade e silencio.
