Parlamentos de xeo (e outras friccións teóricas da arte do século XXI)
Parlamentos de xeo, asinada polo doutor en Historia da Arte pola USC Sergio Meijide Casas (A Coruña, 1996), foi a obra gañadora da sétima convocatoria do Premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre Arte Contemporánea, organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en 2024.
Este ensaio formula unha interesante reflexión acerca das transformacións acontecidas na práctica artística coa chegada do novo milenio. Fronte á idea da fin da arte, defendida por algúns pensadores moi recoñecidos, os acontecementos que tiveron lugar nas últimas décadas confirman que a historia da arte non se esgota coa arte pop e as prácticas conceptuais. Hai aínda moitas historias que se poden contar, narrativas abertas como o poscolonialismo, o feminismo ou o ecoloxismo, que non implican peches de ningún tipo, senón paradoxos que fan da tarefa da historia e da teoría da arte un eido de traballo aberto e infinito.
