No ano 2000, o Centro Galego de Arte Contemporánea acolleu Where Rock and Ocean Meet, a primeira retrospectiva dedicada a Rebecca Horn en España. Comisariada pola propia artista e vinculada ao contexto xeográfico e histórico de Santiago de Compostela, a mostra concibiuse como unha gran obra total cargada de simbolismo. Os elementos centrais da exposición, o mar e a rocha, guiaban ao espectador a través de sons, cores e elementos mariños, xerando un espazo de contrastes onde se fusionaban o sólido e o líquido, o masculino e o feminino, o corpo e a máquina.
O catálogo da exposición incluíu textos de Doris von Drathen, Sergio Edelsztein, Miguel Fernández-Cid, Carl Haenlein, Rebecca Horn, Martin Mosebach e Ursula Zeller, abordando a súa traxectoria e a relevancia da súa obra no panorama artístico internacional
