“Este libro é o primeiro estudo monográfico exhaustivo acerca dos diagramas de Ricardo Basbaum e cataloga un conxunto de obras que son fundamentais na súa práctica artística. Á súa vez, é un recurso moi valioso para calquera persoa interesada no pensamento non linear e ao traballo de composición”, tal como afirman Binna Choi e Emily Pethick no limiar. Producido co gallo da exposición do artista no Centro Galego de Arte Contemporánea (2013), Diagrams, 1994-ongoing inclúe unha investigación acerca dos diagramas creados e expostos por Ricardo Basbaum nos últimos anos, xa sexa como pezas autónomas ou como parte de instalacións e outras formas de acción. Nas súas propias palabras, Basbaum utiliza o diagrama como unha “ferramenta de intervención (...) unha especie de debuxo (ou poema visual) que media no fluxo dinámico entre palabras e imaxes —espazos discursivos e non discursivos— ou espazos literarios e plásticos etc.” O libro inclúe tres textos do artista, acompañados de información cumprida sobre a exposición do GCAC e dunha ampla selección dos seus diagramas. Os textos adoptan a forma dunha conversación colectiva, na que se debate acerca de temas relacionados co diagrama, a alteridade, as prácticas colectivas, a temporalidade e o afecto en relación directa coa obra de Basbaum.
