Twice Told Tales (TTT) toma o seu nome dunha colección de relatos de Nathaniel Hawthorne, que por dicilo así inauguran a tradición do relato breve contemporáneo. Esta colección de contos fora publicada previamente en revistas e xornais, e por iso foi chamada por Hawthorne Twice Told Tales, é dicir, ‘historias contadas dúas veces’.
Como unha especie de continuación do proxecto Todaslashistorias (www.doragarcia.net), TTT son historias recollidas integramente en titulares e artigos de xornais. Esta colección de historias breves fai honra ao seu nome, primeiro por resultaren familiares á maioría dos lectores, segundo porque en efecto, como no caso de Hawthorne, foron contadas, polo menos, dúas veces. Ademais, o proxecto interésase polo estilo narrativo do titular e a noticia (os coñecementos que presupón nos lectores, a sintaxe) e pola súa capacidade de ordenar e formar a percepción do mundo. Recoller todos estes relatos nunha publicación produce un efecto calidoscópico, coma se todas as historias estivesen a acontecer á vez.
