7 VISIÓNS. CONCERTO DE SUMRRÁ
O trío de jazz Sumrrá ofrecerá un concerto temático e comentado cuxo repertorio estará centrado no seu disco 7 visións (2021). As pezas deste álbum fálannos da permanente danza do cosmos, reflexionan sobre a eterna cuestión da nosa posición periférica no universo e especulan sobre o que puido ocorrer no big-bang.
Ademais, estrearán a composición “A oitava visión. O zoom cuántico”, inspirada na física cuántica e creada especificamente para este evento. Esta peza xoga coa idea de transición desde a física clásica ata a revolución cuántica e coa visión dunha mesma realidade que pode mudar dependendo da posición, da proximidade, da atención ou da tecnoloxía implicada.
Para vincular o repertorio do álbum e a peza inédita con diversas claves da física, a cita contará coa participación de Manuel Caamaño, investigador do IGFAE e músico, que analizará as composicións interpretadas durante o concerto cunha perspectiva científica e artística.
Este concerto é unha iniciativa financiada por Quorum, un proxecto de promoción dun ecosistema de innovación en computación cuántica que se complementa coa Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, da que forman parte as consellerías de Economía, de Industria e Innovación e de Sanidade, así como a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as tres universidades galegas, o CESGA, o Clúster TIC, os hubs de innovación Dihgigal e DATAlife, o centro tecnolóxico Gradiant, Fujitsu International Quantum Center e o Centro de Tecnoloxías Fotónicas (Aephos). Quorum está financiado polo CDTI con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
PROGRAMA
7 VISIÓNS
Asuán Alexandría, 7 graos
Periferia universal
As forzas gravitatorias
Sapiens Sapiens
13 700 millóns de anos despois
O espazo interior Ra
A OITAVA VISIÓN. O ZOOM CUÁNTICO
SUMRRÁ é unha banda de jazz fundada en 1999 polo pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L. A .R. Legido. En 2024 celebrou o seu vixésimo quinto aniversario con centos de concertos ás súas costas e sete discos publicados. Este grupo —que é o trío de jazz máis lonxevo da escena española— foi galardoado co Premio Jazz España 2022 e actuou como embaixador do jazz galego máis contemporáneo en festivais de recoñecido prestixio internacional como Vancouver Jazz Festival, TD Victoria International JazzFest (O Canadá), Jarasum Jazz Festival (Corea), Joy of Jazz Festival (República de Suráfrica), Jazz à Cours & à Jardins (Francia), L'Air (Illa Reunión, Francia), Harmonía Jazz Festival (O Brasil), International Jazz Festival (A China), Festival de Jazz de Évora (Portugal), Strawberry Festival (Shanghai), SOTX (Beijing), Eurojazz (México), Jazz in Seúl (Corea), Tanjazz Festival (Marrocos), Jazz Plus Festival (Bulgaria) ou Iberoamerican Jazz Festival (República de Suráfrica), entre tantos outros.
