ACTIVIDADES VINCULADAS Á EXPOSICIÓN "PERCEPCIÓN E INCERTEZA"
A exposición Percepción e incerteza aborda algúns dos cambios e das consecuencias máis decisivas que os recentes desenvolvementos da ciencia e da tecnoloxía están a producir no noso presente, caracterizado pola velocidade e a fugacidade.
O impacto que tecnoloxías punteiras como a intelixencia artificial ou a bioenxeñaría exercen sobre a percepción e a sensibilidade dos seres humanos —tanto a nivel individual como social— advírtenos dos perigos que comportan; pero este novo panorama serviu asemade para potenciar perspectivas máis empáticas e coidadosas con outros modelos de percepción.
Os traballos de Max de Esteban abordan de maneira crítica o impacto da tecnoloxía, mentres que a instalación de Jaione Camborda nos mergulla nunha cápsula de limitacións que permite comprender de forma empática o estado dunha persoa xordocega.
Para afondar en ambas as dúas perspectivas críticas, propóñense dúas actividades complementarias. Mónica Bello, exdirectora do programa de residencias artísticas do CERN, conversará con Jaione Camborda sobre o proceso de xestación do proxecto Ensayo fílmico sobre la sordoceguera (Ensaio fílmico sobre a sordocegueira, 2025), realizado no marco destas residencias en Xenebra. Pola súa banda, Santiago Olmo, comisario da exposición Percepción e incerteza e director do CGAC, conversará con Max de Esteban sobre o impacto dos novos horizontes tecnolóxicos nas nosas sociedades democráticas.
PROGRAMA
9 XANEIRO. 19:00 h. Conversa entre Jaione Camborda e Mónica Bello
14 XANEIRO. 19:00 h. Conversa entre Max de Esteban e Santiago Olmo
MAX DE ESTEBAN (Barcelona, 1959) é un artista coñecido polo seu exame da condición humana baixo o réxime capitalista contemporáneo. Os seus proxectos foron expostos en museos e institucións como o Jeu de Paume de París, o Kunstpalast Düsseldorf, o Museum of Fine Arts de Houston, o Deutsches Technikmuseum de Berlín, o MACBA, o MUNTREF de Buenos Aires ou o CGAC. Ademais, participou en eventos internacionais como a Bienalsur (2025), a Bienal de Cuenca (2023), a Trienal de Yokohama (2020), a Bienal do Cairo (2019) e a Bienal da Habana (2019). A súa obra forma parte das coleccións de museos como o Kunstpalast Düsseldorf, o Deutsches Technikmuseum de Berlín, o Museum of Fine Arts Houston, o Centro de Arte Contemporánea Wifredo Lam da Habana, o MACBA ou o CGAC.
Max de Esteban é exbolseiro Fulbright e posúe un doutoramento en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universitat Ramon Llull, un MBA pola Universidade de Stanford e un MSC en Enxeñaría pola Universitat Politècnica de Catalunya.
JAIONE CAMBORDA (Donostia - San Sebastián, 1983) é unha cineasta que traballa desde a materia, o corpo e a memoria para construír narrativas sensoriais profundamente enraizadas no territorio. Formouse na Escola de Cine e Televisión da Academia de Artes Escénicas de Praga e na Escola Superior de Televisión e Cine de Múnic. Como directora de arte e produtora, a súa traxectoria estivo ligada ao Novo Cinema Galego. A súa primeira longametraxe, Arima (2019), obtivo o premio á mellor dirección na sección Novas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla e o premio á mellor película na sección Escáner do Festival Márgenes. Foi a primeira directora española en gañar a Cuncha de Ouro na 71.a edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián pola súa película O corno (2023). Presidiu o xurado do Festival de Cine de San Sebastián na edición de 2024.
MÓNICA BELLO (Santiago de Compostela, A Coruña, 1973) é directora de Platform Dalí, comisaria e historiadora da arte. Ata marzo de 2025 exerceu como directora de Arts at CERN, o programa de arte do Laboratorio Europeo de Física de Partículas (Xenebra). Ao longo dos últimos vinte anos centrou a súa traxectoria na promoción de iniciativas na intersección entre a arte, a ciencia e a tecnoloxía, desenvolvendo modelos innovadores de colaboración e participación artística en contextos de investigación científica. Bello achega a Platform Dalí unha experiencia única, consolidada no deseño e na dirección de programas pioneiros que conectan a creación artística coa investigación científica, fortalecendo o diálogo entre creatividade, coñecemento e innovación cultural.
