Adriana Lecouvreur Teatro Real Ópera

"ADRIANA LECOUVREUR". Retransmisión en directo da ópera de Francesco Cilea

28 Setembro 2024
19:30 h
Auditorio do CGAC
Versión orixinal en italiano con sobretítulos en castelán
Coordinación:
Virgina Villar e Raquel de Ana
Prazas:
Entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala

Unha vez máis, o CGAC foi convidado a participar na Semana da Ópera do Teatro Real de Madrid. Nesta ocasión, o noso auditorio acollerá a retransmisión en directo de Adriana Lecouvreur de Francesco Cilea (1866-1950), baseada na obra de teatro homónima de Eugène Scribe e Ernest Legouvé.

A ópera conta a historia de Adriana Lecouvreur, a máis prestixiosa de todas as actrices do París do século XVII, unha auténtica lenda idolatrada polo público que faleceu repentinamente en plena mocidade tras unha fatal enfermidade ou, segundo algunhas fontes, asasinada.

Unha historia de celos, intriga e traizóns que subirá por primeira vez ao escenario do Teatro Real para ser contada nunha arrebatadora produción metateatral con suntuosos deseños de época tanto nos decorados como no vestiario. Na montaxe, concibida polo director de escena David McVicar, participarán algunhas das grandes voces líricas da actualidade baixo a dirección musical de Nicola Luisotti.

Esta Adriana Lecouvreur é, ademais, unha homenaxe a Montserrat Caballé e José Carreras no 50.º aniversario da súa lendaria interpretación desta peza no Teatro da Zarzuela.

MÁIS INFORMACIÓN: TEATRO REAL