GetFileAttachment.png

ALTERACINES. FICCIÓNS CONTEMPORÁNEAS DA ESTRAÑEZA (2001-2021). CURSO DE CINEMA

27 Setembro 2022 - 20 Decembro 2022
Horario: Martes de 19:00 a 20:30 h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
José Manuel López
Prazas:
150
Matrícula:
30 €

Cando o século XXI non se volvera aínda definitivamente anómalo, o cinema xa incubaba o xerme dunha indefinible estrañeza nos seus relatos alterados. Os cineastas había tempo que sentían, coma todos nós, que algo no mundo contemporáneo estaba desaxustado e que, de maneira moitas veces inadvertida, se sucedían os glitches na matriz da realidade.

Neste curso, analizaremos algunhas películas que nas últimas dúas décadas trataron de capturar esa inefable estrañeza, confusión ou perplexidade ante o noso presente: alteridades e anomalías, alleamentos e desdobramentos, desexos e fantasmagorías, amnesias ou prospeccións… Manifestacións, todas elas, do insólito e do estraño que, en ocasións, penetran no territorio do fantástico ou, polo menos, do inexplicable racionalmente, e colocan os personaxes fronte a novas e estrañas realidades.

Unha parte do cinema do século XXI nace desa brecha ontolóxica entre unha realidade aparentemente cotiá e a súa imposible representación sen un factor de inestabilidade que a enturbe. Ese é o momento taxativo que buscaremos neste curso, cando a greta se abre e permite albiscar o outro lado, ese momento que o cambia todo e coloca os personaxes fronte á necesidade de aceptar e de lles dar forma a outros mundos (que sempre están neste, como dicía Paul Éluard). Porque se unha idea cobrou forza nos anos que transcorreron entre a crise financeira de 2008 e a crise sanitaria iniciada en 2020 é a necesidade de reclamar un horizonte e un porvir dos que fomos desposuídos.

Visitemos, pois, outros mundos e aceptemos definitivamente a estrañeza como a “nova normalidade”.

Programa:

27 de setembro. Desdobramentos. Mulholland Drive (David Lynch, 2001)

4 de outubro. Fantasías. Waking Life (Richard Linklater, 2001)

18 de outubro. Amnesias. Paranoid Park (Gus van Sant, 2007)

25 de outubro. Escatoloxías. Attenberg (Athina Rachel Tsangari, 2010)

8 de novembro. Premonicións. Take Shelter (Jeff Nichols, 2011)

15 de novembro. Singularidades. Anomalisa (Charlie Kaufman e Duck Johnson, 2015)

22 de novembro. Fantasmagorías. A Ghost Story (David Lowery, 2017)

29 de novembro. Confinamentos. High Life (Claire Denis, 2017)

13 de decembro. Anhedonías. Destello bravío (Ainhoa Rodríguez, 2021)

20 de decembro. Abismos. Annette (Leos Carax, 2021)

Imparten:

José Manuel López (Vigo, 1974) é doutor en Comunicación e profesor asociado na Universidade de Vigo. Funda a revista de cinema Tren de sombras (2004-2008) e, desde o ano 2007 ao 2017, forma parte do consello de redacción de Caimán Cuadernos de Cine (anteriormente coñecida como Cahiers du Cinéma. España).

En 2008, coordinou o libro Naomi Kawase. El cine en el umbral para o Festival de Cinema das Palmas e é autor de numerosos artigos, relatorios en congresos e capítulos de libros. Desde 2012, imparte cursos de cinema no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) e no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago. Impartiu, ademais, conferencias en espazos como Master LAV, a ESCAC, o CGAI, a Seminci, o Festival de Málaga ou o Centro das Artes de Sevilla. Foi comisario de exposicións e ciclos de proxeccións para a Fundación Luís Seoane, Curtocircuíto: Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela, Solar Galeria de Arte Cinemática e o festival de cinema Curtas de Vila do Conde (Portugal). En 2020, recibiu o premio ao mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional na IV edición dos Premios María Luz Morales, outorgados pola Academia Galega do Audiovisual.

 

Persoas destinatarias:

Docentes, estudantes e persoas interesadas no cinema

Inscrición:

O prazo de inscrición estará aberto desde o 15 de xullo ata o 23 de setembro de 2022. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal. Nel deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, informaranse as persoas rexistradas sobre como deben realizar o pagamento.

En función da situación sanitaria que exista no momento da realización do curso, este realizarase na modalidade presencial ou en liña.

Certificación:

O CGAC expediralles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 70 % das sesións.