ANÉCDOTAS EN OBXECTO. Un confedrama de Javier Peñafiel
“A miña relación co CGAC foi moi importante no meu desenvolvemento profesional. En 2007, o museo publicou o meu libro Mera coincidencia, que foi presentado mediante un confedrama no seu auditorio. Foi un traballo realizado ao longo de seis meses en Lisboa, antecedente e base fundamental de Agencia de caducidad de los tiempos drásticos, o meu proxecto da 28.ª Bienal de São Paulo, que tamén se presentou cun confedrama.
Posteriormente, o museo adquiriu varios traballos meus, en diferentes etapas, o último, distancia, miento (2011) foi un traballo realizado nos arquivos do Berliner Ensemble e Hans Bunge, en Berlín.
Coñecín a Misha hai aproximadamente unha década e puiden desenvolver unha intensa conversa con el. Admiro tanto as súas producións coma a súa actitude, o ton hiperhumano das súas investigacións e a súa intuición sobre as cousas no mundo. A idea de realizar un confedrama baseado na súa exposición, en tanto que travesía pola súa axencia escultórica e a súa vida editorial, entusiásmame. Só necesito a miña voz.
Durante estes anos de conversa tanto con Misha coma con Juan de Nieves, tomei unha serie de notas que me serviron como punto de partida para elaborar un texto e un grupo de escenas situadas”.
Javier Peñafiel
JAVIER PEÑAFIEL (Zaragoza, 1964) é artista visual, investigador e docente. A súa práctica combina debuxo, escritura, vídeo, performance e formatos híbridos de produción de coñecemento, desenvolvidos a través de proxectos de longa duración, publicacións e accións públicas.
Recibiu tres bolsas de investigación e produción da Generalitat de Cataluña para desenvolver proxectos en Nova York (1997), São Paulo (2001) e Berlín (2011). Así mesmo, obtivo axudas da Fundación MACBA (2021) e da Fundación Botín (2009), entre outras bolsas, premios e programas de apoio, como PICE e Acción Cultural Española.
Exerceu a docencia como artista invitado en Eina, Elisava, na Universidade de Barcelona e no programa de estudos independentes do MACBA, así como na FAAP de São Paulo e en diversas institucións de Chile. A súa obra forma parte de coleccións de institucións públicas e privadas, entre elas o MACBA, a Fundación “la Caixa”, o CGAC, o Banco Sabadell, o MUSAC de León, Es Baluard e os Fondos de Arte da Generalitat de Cataluña.
É autor de publicacións monográficas como Mera coincidencia (CGAC), Agenda de caducidad de los tiempos drásticos (Bienal de São Paulo), Conquista básica, te vuelvo a pedir que te definas, CRU006, No todo tanto, Fine Arts Unternehmen, Teatro dentífrico (2017), Colección AL, series e, máis recentemente, La esfinge te prefiere (Museo de Teruel).
Entre os seus proxectos de longa duración figuran Egolactante, proyecto para la corteza terrestre (1997-2026); Agencia de intervención en la sentimentalidad (1997-2001), desenvolvido entre Nova York e Lisboa; Locución MerkelBachelet (2009-2011), entre Valparaíso e Berlín; e La imposibilidad de la belleza en scroll (2019-2026), entre Berlín e Bendinat.
Desde 2008 desenvolve un formato híbrido de conferencia, debuxo e vídeo que denomina “confedramas”. Estas accións presentáronse en cidades como Milán, Cali, Lisboa, Lugano, Buenos Aires, Medellín, Blenio, Haarlem ou O Cairo, entre outras, e alcanzan xa, case sen advertencia, a cifra de setenta edicións.
