Arquitectura para espazos culturais. Ruta de arquitectura

ARQUITECTURA PARA ESPAZOS CULTURAIS. Ruta de arquitectura

22 Febreiro 2025 - 15 Novembro 2025
De 11:00 a 13:30 h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Carmen Rey

Un ano máis, percorreremos as rúas de Santiago de Compostela para falar, nesta ocasión, da arquitectura como contedor de espazos culturais. Para iso deterémonos nalgúns destes lugares nos que, máis alá de limitarse a crear espazos destinados a prestar un servizo, a arquitectura pode, e debe, ser un elemento inspirador que acompañe e mellore a experiencia da visita.

Partiremos do CGAC, un centro que foi concibido desde os seus inicios para o fin que hoxe desempeña, e comentaremos a importancia desta obra de Álvaro Siza Vieira como contedor ou continente de arte. Continuaremos a visita no Museo das Peregrinacións e de Santiago, cuxo proxecto levou a cabo Manuel Gallego Jorreto sobre o edificio do antigo Banco de España, orixinalmente deseñado polo arquitecto Romualdo de Madariaga a mediados do século XX. Poñeremos fin á nosa camiñada na Fundación Eugenio Granell, con sede no antigo Pazo de Bendaña, levantado no século XVII. Coñeceremos algúns recunchos ocultos destes edificios que nos brindan exemplos diversos sobre como intervir nunha contorna declarada Patrimonio da Humanidade e sobre como poñer en valor arquitecturas preexistentes, que se transforman e se adaptan á programación de actividades culturais actuais dentro da trama medieval da cidade.

Esta nova ruta arquitectónica ten como finalidade animar a todas as persoas a pasear e, ao mesmo tempo, a descubrir arquitecturas e espazos urbanos en constante transformación.

 

CALENDARIO

22 FEBREIRO
Prazo de inscrición: 13 e 14 de febreiro

15 MARZO
Prazo de inscrición: 6 e 7 de marzo

12 ABRIL
Prazo de inscrición: 3 e 4 de abril

10 MAIO
Prazo de inscrición: 1 e 2 de maio

28 XUÑO
Prazo de inscrición: 19 e 20 de xuño

27 SETEMBRO
Prazo de inscrición: 18 e 19 de setembro

18 OUTUBRO
Prazo de inscrición: 9 e 10 de outubro

15 NOVEMBRO
Prazo de inscrición: 6 e 7 de novembro

 

CARMEN REY (Santiago de Compostela, A Coruña, 1970) é titulada superior en Arquitectura, na especialidade de Edificación, pola Universidade da Coruña. Traballa no exercicio libre da súa profesión desde o ano 2000. Mostra do seu compromiso coa difusión da arquitectura e do urbanismo de Santiago é o seu labor desde 2002 no deseño e realización de rutas de arquitectura contemporánea para distintos organismos, como o Colexio de Arquitectos de Galicia, o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o CGAC.

Formou parte da Comisión de Cultura da Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (2003-2007) e representou esta institución como integrante do Grupo Relator Técnico e da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico do Plan especial da cidade histórica de Santiago (PE-1) do Concello de Santiago (2015-2023).

 

INSCRICIÓN

A actividade é gratuíta. Para participar é necesario inscribirse previamente dentro dos prazos previstos para cada unha das sesións enviando unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal cos seguintes datos: nome completo, número de teléfono, enderezo electrónico e estudos, área de traballo ou interese. Poderanse inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude e será necesario enviar todos os datos de ambas as persoas. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas rexistradas recibirán unha notificación do estado da súa solicitude por correo electrónico.

 

Colaboran:

Museo das peregrinacións de Santiago Logo Fundación Granell