ARQUIVAR PARA COIDAR(NOS). RESULTADO DO TALLER 'O FORNO DA AMARA'. Programa de actividades
Como parte dos programas de acción comunitaria que promove o CGAC e, baixo a dirección de La Querencia, o pasado marzo fixemos un chamamento ás persoas maiores dos barrios próximos ao centro para participar no taller O Forno da Amara. Esta actividade, que toma o nome dunha das moitas panaderías que había na rúa dos Basquiños e que abastecían de pan a toda a cidade de Compostela, emprega a potencia das fotografías domésticas para evocar e invocar un presente máis afectivo e cohesionado.
Ao longo do último ano, a veciñanza das rúas e dos barrios da Almáciga, rúa de Teo, Os Basquiños, rúa de Abaixo, Santa Clara e San Roque compartiu no CGAC as fotografías dos seus álbums familiares co fin de xerar un arquivo vivo que dese fe da transformación da cidade e das persoas que a habitan. Neste tempo, os e as participantes puideron coñecer diversas técnicas artísticas para coidar e manipular o arquivo fotográfico, explorar a capacidade das imaxes para revisar historias e crear novos relatos, achegarse a procesos curatoriais e, por último, reflexionar, debater e decidir un programa arredor desta experiencia.
Como resultado deste proxecto, o grupo de traballo articulou a exposición Arquivar para coidar (nos) —que poderá verse no CGAC do 12 de decembro do 2025 ao 14 de xaneiro de 2026— e unha serie de actividades vinculadas con ela. Con esta mostra, o colectivo crea unha imaxe do barrio a partir das lembranzas e dos relatos orais, compoñendo unha escena do que os seus integrantes desexan para o futuro: a fariña, a artesa, os xoguetes, o papaventos, os lentiscos, a porta e a ventá abertas, a placa, a máquina de coser… Obxectos e historias que falan de soberanía alimentaria, dun lecer independizado e ocorrente, de memoria, de oficios perdidos e mantidos, de cultura da reparación, de coidados de proximidade e de vida interdependente. Así, sen idealizar o pasado, presentan un compendio das imaxes, historias e maneiras de vivir en comunidade, que consideran valioso para o futuro dos nosos barrios.
O Forno da Amara é un proxecto do CGAC e La Querencia no que participan Raúl Fernández, José Luis Fernández, Javier Suárez, María Jesús Suárez, José Luis Veiga Goi, Carmen Rosende, Milagros Rey, Ricardo Villaverde, Manuel Sánchez, Ana Moure, Ana Escariz e moitos máis veciños e veciñas.
O ARQUIVO DE O FORNO DA AMARA
Ao longo de 2025, as persoas que participaron neste proxecto compartiron no CGAC as fotografías dos seus álbums familiares e recompilaron imaxes e relatos doutros veciños e veciñas. Agora, coidan o arquivo e velan pola súa difusión e desenvolvemento.
Para seguir xerando conversa non só co barrio, senón tamén nel, este é un arquivo expandido: varios espazos do barrio (CEIP Apóstolo Santiago, Café Bar 13, Bar Leis, Alimentación Mari Carmen e Antonio Peluqueros) custodian partes do arquivo, mentres que a Biblioteca do CGAC gardará a copia completa del. Durante a exposición, o arquivo estará exposto nunha artesa de pan.
CONVOCATORIA PARA AMPLIAR O ARQUIVO
As persoas interesadas en ceder algunha imaxe ao Arquivo do Forno da Amara poden achegarse á artesa que contén o arquivo e que forma parte da exposición para consultar o xeito de facelo. Tamén poden asistir, coas súas fotografías, a algunha das actividades vinculadas coa exposición, nas que se reservará un anaco de tempo para escanear novas imaxes para o arquivo.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES
PASEO GUIADO POLO BARRIO
Xoves 18 de decembro de 2025 | Horario: 18:30-20:30 h | Lugar: rúas dos barrios | Prazas: 10 | Persoas destinatarias: público xeral | De balde, con inscrición previa | Prazo de inscrición: desde o 10 ata o 16 de decembro
Que nos contan estas fotografías sobre como mudou o barrio? A través dun paseo guiado polas persoas participantes no taller O Forno da Amara, sacaremos as fotografías ao espazo público e falaremos sobre as transformacións que tiveron lugar no barrio e na súa veciñanza.
CINEMA FALADO
Martes 30 de decembro de 2025 | Horario: 18:30-20:30 h | Lugar: Auditorio do CGAC | Persoas destinatarias: público xeral | Entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala
Adoitamos ver os álbums de fotos de forma colectiva nun salón, nun comedor, nun cuarto. Que pasa cando expandimos este acto doméstico a todo un barrio? Na sesión de Cinema falado, a veciñanza contará historias de fotografías que seleccionaron mentres se proxectan. Todas as persoas asistentes poderán contribuír engadindo datos ás historias, refutando información ou contando as anécdotas que vencellen con esas imaxes.
OBRADOIRO DE FABRICACIÓN DE PAPAVENTOS
Xoves 8 de xaneiro de 2026 | Horario: 18:30-20:30 h | Lugar: hall do CGAC | Prazas: 10 | Persoas destinatarias: público familiar (2 persoas por familia) | De balde, con inscrición previa | Prazo de inscrición: desde o 10 de decembro ata o 2 de xaneiro
Entre as historias recorrentes da infancia das persoas que participaron no taller O Forno da Amara estaban os xogos de rúa, a elaboración de bandeiras ornamentais para as festas e a confección de papaventos. Daquela, os nenos acostumaban a voar os seus papaventos no alto da Almáciga. Un deses papaventos escapoulle a Antonio Vilariño e aterrou na horta do bispo que, casualmente, é a zona onde agora está situado o CGAC.
Dous daqueles nenos, que aínda residen no barrio, impartirán unha sesión de fabricación de papaventos para lembrar as estratexias de autosuficiencia de antano e conectarnos, desde o lúdico, co monte da Almáciga.
DEGUSTACIÓN DE PANS TRADICIONAIS DE SANTIAGO
Martes 13 de xaneiro de 2026 | Horario: de 18:30 a 20:30 h | Lugar: hall do CGAC | Prazas: 10 | Persoas destinatarias: público xeral | De balde, con inscrición previa | Prazo de inscrición: desde o 10 decembro ata o 9 de xaneiro
Para lembrar todos os fornos que habitaban o barrio, realizaremos unha degustación de pan no CGAC. Guillermo Moscoso Moure (de Pan da Moa) e o seu pai, que foi o último panadeiro do Forno da Amara, contarannos as transformacións que sufriu o proceso de elaboración do pan nos últimos tempos e ensinarannos a coñecer e a saborear os distintos pans da Compostela do século XX.
INSCRICIÓNS
As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a laquerencia.colectivo@gmail.com. Nela deberán indicar os seguintes datos: nome da actividade na que desexan participar, apelidos, nome, estudos, área de traballo ou interese, enderezo electrónico e teléfono de contacto. Poderase inscribir un máximo de dúas persoas por solicitude, indicando os datos completos de cada participante. As persoas recibirán unha mensaxe electrónica de confirmación. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
