ARTE E SILENCIO. Meditación no CGAC
Logo dunha longuísima etapa de milenios na que a meditación aparecía como unha técnica accesible só para grandes mentes iniciadas a partir dunha aprendizaxe cunha entrega case absoluta, o desenvolvemento intelectual humano e a apertura ao pensamento abstracto permiten agora acceder aos estados meditativos dun xeito moito máis rápido.
Por que meditar coa arte? A meditación e a percepción artística teñen puntos comúns moi evidentes e dun potencial enorme. A persoa que practica a meditación ábrese a estados de consciencia alén da lóxica, procura un nivel de apertura no que a mente abandona a seguridade do coñecido para captar en profundidade os matices dunha viaxe marabillosa e inacabable. Entramos nunha dimensión que parece aumentar incriblemente, en relación coa pequena inmediatez na que habitualmente vivimos.
Pola súa vez, a arte aparece como unha linguaxe infinita, que conduce a emocións novas e a descubrimentos profundos no que atinxe ao noso xeito de captar tanto o que nos rodea coma o noso propio interior. Funciona con códigos absolutamente libres, máis alá de calquera fronteira artificial, xa falemos de límites xeográficos, de diferenzas idiomáticas, de crenzas ou de hábitos sociais.
A arte produce efectos distintos en cada persoa. Cando poñemos a nosa atención sobre unha obra continuamos o proceso creativo a través da nosa visión e da nosa percepción emocional e intelectual, pero adoita deitar un pouso novo, que se integra definitivamente no máis profundo do noso ser. Abrírmonos á arte a través da meditación, ou á meditación a través da arte permítenos multiplicar estes efectos.
O obxectivo da actividade é conducir o grupo participante ata un nivel adecuado de silencio mental. Deste xeito, a canle de comunicación coa obra realízase nunha actitude de pensamento distinta da habitual. Iremos máis alá do plano consciente para accedermos á mensaxe da creación artística, máis ca desde o coñecemento, desde o sedimento das aprendizaxes e da experiencia que teñamos individualmente.
Carlos Arias
Este domingo a sesión de meditación farase arredor de tres obras da exposición En construcción: Building Blocks (2011) de Fernanda Fragateiro, Mar Rojo (1986) de María Luisa Fernández e De/ Construcción (2017) de Héctor Zamora.
CARLOS ARIAS (Lugo, 1959) formouse en meditación en distintas escolas e realiza traballos individuais desde o ano 2000. Entre os anos 2011 e 2017 pertenceu á escola internacional Medita Today. Desenvolve un proxecto propio baseado na experiencia adquirida nos traballos realizados tanto no Estado español coma en Francia e na súa propia evolución persoal. Desde hai máis de dez anos ofrece sesións e obradoiros de meditación en distintos puntos de Galicia e prácticas máis longas de meditación na natureza. Licenciado en Filoloxía Hispánica, coida especialmente as mensaxes verbais, ao entender a palabra como un instrumento potentísimo para liberar a mente. Publicou obras literarias e ensaísticas como O barco de seixo (Novo Século, 1995), Libro das capitulacións de Xulio Corveira Andrade (Toxosoutos, 2003), Eugenio Granell (Xunta de Galicia, 2005), Ríos que se abrazan (Toxosoutos, 2008), Dor da claridade (Bubela, 2008) ou Sobol (Sermos Galiza, 2014) ou Eugenio Granell. Un hereje contemporáneo (Fundación Eugenio Granell, 2018). Desde o ano 2006 é membro do movemento Sentimentalismo - Vangarda Artística Galega.
PERSOAS DESTINATARIAS
Público adulto, con calquera nivel de coñecemento ou de familiaridade coa arte ou coa práctica meditativa. No entanto, as persoas que se encontren nalgún tipo de tratamento psicolóxico ou psiquiátrico, convén que consulten con especialistas respecto dos efectos que poida ter esta práctica na súa evolución.
PRAZAS
Para participar nesta actividade non é preciso solicitar cita previa. Poden participar desde unha persoa até un máximo de 25 persoas. O grupo formarase por orde de chegada no hall do CGAC.
