ARTE NA AULA. ARTE, IDENTIDADE E EDUCACIÓN. Curso de educación artística

07 Febreiro 2020 - 14 Novembro 2020
Venres de 18:00 a 20:00 h e sábados de 10:00 a 14:00 h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Gael Zamora Lacasta
Prazas:
20
Matrícula:
de balde

Despois dun primeiro ciclo de cursos dedicados á aprendizaxe globalizada da lingua, as matemáticas e o coñecemento do medio natural a través da plástica, incorpórase a este programa de educación artística un tema transversal presente en todas as etapas educativas: a identidade.

Este eixe, de enorme importancia na arte contemporánea e na vida, permitiranos coñecer numerosos referentes creativos e investigar sobre o eu e o nós a través da experimentación visual e plástica.

O nome, o corpo, a pegada, os obxectos e lugares, as relacións, a imaxe ou a acción serán o noso campo de xogo.

Cunha metodoloxía dinámica e participativa, alternaremos o traballo coas obras de arte, as sesións de observación, reflexión e debate, e os obradoiros de creación.

O curso formúlase como unha oportunidade para pór en práctica propostas didácticas que nos permitan vivenciar, reflexionar e xerar dinámicas adaptadas aos diferentes contextos educativos.

O contido de Eu, min, me, comigo. Arte, identidade e educación está vertebrado arredor dun eixe común, pero organizado en tres bloques independentes (que se impartirán en febreiro, maio e novembro, respectivamente), de maneira que pode ser cursado parcial
ou totalmente.

 

PROGRAMA

7-8 FEBREIRO
Eu: o corpo como relato

8-9 MAIO
Min: obxectos e lugares que me definen

13-14 NOVEMBRO
Comigo: cruzamentos, lazos e outros encontros

 

OBXECTIVOS

O obxectivo deste ciclo é tomar contacto coa arte contemporánea como recurso educativo, establecer lazos entre a arte e a aula eliminando mitos e prexuízos; reflexionar sobre as posibilidades de aprendizaxe globalizada que proporciona a plástica; desenvolver a capacidade para observar, coñecer, crear e debater sobre o artístico; e xerar dinámicas creativas individuais no persoal docente para fomentalas no alumnado.

 

GAEL ZAMORA LACASTA é titulada en Historia da Arte e Educación Primaria. Exerce como profesora do Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal na Facultade de Educación de Segovia da Universidade de Valladolid. É, ademais, educadora artística con ampla experiencia en museos con todas as
franxas de idade dentro da educación formal e non formal. Ten experiencia como coordinadora e relatora en cursos para docentes sobre creatividade, recursos didácticos e arte no CGAC, o Museo de Arte Contemporánea Esteban Vicente, o Centro para las Artes y el Diseño Palacio Quintanar, o Museo Lázaro Galdiano, a Universidade
Complutense de Madrid, a Universidade de Valladolid, a Universidade Autónoma de Madrid, o movemento de renovación pedagóxica Acción Educativa e os centros de formación do profesorado de Soria, Ávila, Madrid e Cuenca.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

Docentes de educación formal (infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ciclos formativos ou graos de educación), profesionais da educación artística ou persoas interesadas na didáctica da arte, estudantes de Belas Artes e Ciencias da Educación.

 

INSCRICIÓN

O prazo de inscrición estará aberto desde o 13 de xaneiro ata o 5 de febreiro de 2020. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal na que deberán indicar apelidos, nome, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Deberán indicar en que bloques queren inscribirse. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.

 

CERTIFICACIÓN

O CGAC entregaralles un certificado por cada bloque temático a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións. Cada bloque consta de 6 horas lectivas e o total do curso suma 18 horas lectivas.