Arte na aula 2025

ARTE NA AULA. A COR COMO PUNTO DE PARTIDA PARA A CREACIÓN E A APRENDIZAXE. Curso de educación artística

08 Marzo 2025 - 22 Novembro 2025

MODALIDADE PRESENCIAL: sábados de 10:00 a 14:15 h e de 16:00 a 19:30 h
MODALIDADE EN LIÑA: venres 25 de abril de 18:00 a 20:30 h e sábado 26 de abril de 10:00 a 14:30 h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Gael Zamora Lacasta
Prazas:
20 por quenda

A vida, a escola e a arte son de cor. Este é un dos recursos fundamentais para a lectura e a creación de imaxes, está presente no currículo durante todas as etapas educativas e é un eixe transversal que nos permite aprender desde diferentes áreas.

Este curso permitiranos achegarnos de forma práctica ás súas diferentes dimensións, partindo da expresión plástica para aprender de forma transversal sobre aspectos culturais, sociais, científicos, lingüísticos, matemáticos e visuais. As persoas docentes poderán observar, reflexionar e experimentar utilizando diferentes soportes (libros, materiais de creación, referentes artísticos, vídeos didácticos, imaxes, obxectos cotiáns…), vivenciando a experiencia e converténdoa en punto de partida para a programación de propostas dirixidas ao seu alumnado.

 

PROGRAMA

• Características básicas da cor luz e da cor materia

• A cor na vida e na aula: referentes cotiáns, artísticos e literarios

• Nomear a cor: azul clariño / azul escuro?, cor carne?

• A dimensión cultural e social da cor

• Materiais, procesos, recursos e experiencias sobre cor para levar á aula

 

 

CALENDARIO

As persoas interesadas poderán optar por inscribirse nunha das seguintes quendas:

MODALIDADE PRESENCIAL

QUENDA I: 8 MARZO
Prazo de inscrición: 24 e 25 de febreiro

QUENDA II: 10 MAIO
Prazo de inscrición: 28 e 29 de abril

QUENDA III: 4 OUTUBRO
Prazo de inscrición: 22 e 23 de setembro

QUENDA IV: 22 NOVEMBRO
Prazo de inscrición: 10 e 11 de novembro

MODALIDADE EN LIÑA

QUENDA I: 25 e 26 ABRIL
Prazo de inscrición: 14 e 15 de abril

 

GAEL ZAMORA LACASTA (Cangas do Morrazo, Pontevedra, 1978) é titulada en Historia da Arte e Educación Primaria. Exerce como profesora do Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal na Facultade de Educación de Segovia da Universidade de Valladolid. É, ademais, educadora artística con ampla experiencia en museos con todas as franxas de idade dentro da educación formal e non formal. Ten experiencia como coordinadora e relatora en cursos para docentes sobre creatividade, recursos didácticos e arte no CGAC, no Museo de Arte Contemporáneo Esteban Vicente, no Centro para las Artes y el Diseño Palacio Quintanar, no Museo Lázaro Galdiano, na Universidade Complutense de Madrid, na Universidade de Valladolid, na Universidade Autónoma de Madrid, no movemento de renovación pedagóxica Acción Educativa e nos centros de formación do profesorado de Soria, Segovia, Ávila, Madrid e Cuenca. https://gaelzamora.es/

 

PERSOAS DESTINATARIAS

Docentes de calquera das etapas da educación formal (infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ciclos formativos ou graos de educación), profesionais da educación artística, persoas interesadas na didáctica da arte e estudantes de Belas Artes ou Ciencias da Educación.

 

INSCRICIÓN

O curso é de balde. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal na que deberán indicar os seus apelidos e nome, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación. Poderán inscribirse un máximo de dúas persoas participantes por solicitude.

 

CERTIFICACIÓN

O CGAC entregaralles un certificado a aquelas persoas que asistan á totalidade de cada quenda.