ARTE NA AULA. OLLAR PARA O PROPIO EMBIGO. EXPERIENCIAS EN TORNO Á IDENTIDADE. Curso de educación artística
MODALIDADE EN LIÑA: venres 8 de maio de 18:00 a 20:30 h e sábado 9 de maio de 10:00 a 14:30 h
Poucos temas son tan transversais e están tan presentes na educación, a arte e a vida como a identidade. Por iso, nesta ocasión Arte na aula convídanos a reflexionar sobre aquilo que nos define, nos distingue e nos une, a coñecer referentes artísticos e a explorar a identidade a través de ferramentas plásticas.
O nome, o corpo, a pegada, os obxectos e lugares, as relacións, a imaxe ou a acción serán algúns dos elementos do noso campo de xogo. A través dunha metodoloxía dinámica e participativa alternaranse o traballo coa obra de arte, as sesións de observación, a reflexión e o debate, con talleres de creación.
Este curso é, pois, unha oportunidade para explorar as relacións entre o físico, o social e o cultural, para tender pontes entre a arte e a escola ou a didáctica e gozar descubrindo os nosos propios embigos.
PROGRAMA
- Elementos obxectivos e subxectivos da identidade
- O corpo como relato e territorio
- Eu, min, comigo. Ser en contacto co mundo
- Proxectos visuais e artísticos que exploran a identidade
- Propostas visuais e plásticas para xogar, descubrir, conservar, experimentar e recrear
CALENDARIO
As persoas interesadas poderán optar por inscribirse nun dos seguintes quenda:
MODALIDADE PRESENCIAL
QUENDA I: 7 FEBREIRO
Prazo de inscrición: 27 e 28 de xaneiro
QUENDA II: 11 ABRIL
Prazo de inscrición: 31 de marzo e 2 de abril
QUENDA III: 26 SETEMBRO
Prazo de inscrición: 16 e 17 de setembro
QUENDA IV: 21 NOVEMBRO
Prazo de inscrición: 10 e 11 de novembro
MODALIDADE EN LIÑA
QUENDA I: 8 e 9 MAIO
Prazo de inscrición: 28 e 29 de abril
GAEL ZAMORA LACASTA (Cangas do Morrazo, Pontevedra, 1978) é titulada en Historia da Arte e Educación Primaria. Exerce como profesora do Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal na Facultade de Educación de Segovia da Universidade de Valladolid. É, ademais, educadora artística con ampla experiencia en museos con todas as franxas de idade dentro da educación formal e non formal. Ten experiencia como coordinadora e relatora en cursos para docentes sobre creatividade, recursos didácticos e arte no CGAC, no Museo de Arte Contemporáneo Esteban Vicente, no Centro para las Artes y el Diseño Palacio Quintanar, no Museo Lázaro Galdiano, na Universidade Complutense de Madrid, na Universidade de Valladolid, na Universidade Autónoma de Madrid, no movemento de renovación pedagóxica Acción Educativa e nos centros de formación do profesorado de Soria, Segovia, Ávila, Madrid e Cuenca.
https://gaelzamora.es/
INSCRICIÓN
O curso é de balde. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal na que deberán indicar os seus apelidos e nome, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación. Poderán inscribirse un máximo de dúas persoas participantes por solicitude.
CERTIFICACIÓN
O CGAC entregaralles un certificado ás persoas que asistan á totalidade de cada quenda.
