ARTESÁ. Programa de educación artística no hospital
Aula Hospitalaria do CHUS
Realización do proxecto: Lucía Amoedo, Sofía Mediero
Este proxecto nace coa vocación de xerar, desde a arte contemporánea, un espazo de aprendizaxe, creación e motivación para menores en situación de hospitalización.
As aulas hospitalarias son servizos educativos que permiten ao alumnado infantil e xuvenil hospitalizado continuar a súa escolarización mentres está ingresado, ofrecéndolle acompañamento pedagóxico e emocional.
Nesta edición e en colaboración coa Aula Hospitalaria do CHUS, o CGAC achegará os contidos do museo ao centro hospitalario e trasladará alí parte da súa aula de educación artística: un espazo vivo e acolledor repleto de ferramentas coas que xerar novas experiencias arredor da arte e da vida.
Converteremos a creación nunha experiencia significativa, estimulante e chea de sentido, traballando sempre cunha mirada inclusiva e respectuosa. As persoas convalecentes poderán participar en actividades flexibles e abertas, deseñadas para adaptarse ás diferentes idades, capacidades e intereses.
Proporemos diversos talleres que apelen a todos os sentidos. Activaremos o corpo; experimentaremos co son, coa luz, coas lembranzas ou con obxectos cotiáns, e implementaremos dinámicas que favorezan a exploración, o xogo, a reflexión, a observación, a comunicación, o benestar emocional e a participación activa. Para iso, empregaremos unha ampla variedade de materiais, técnicas e estratexias, de xeito que cada persoa poida descubrir, expresarse ao seu ritmo e improvisar, sen medo a conectar coas linguaxes artísticas do noso tempo.
LUCÍA AMOEDO (Bueu, Pontevedra, 1999) é graduada en Historia da Arte pola USC e conta cun mestrado en Xestión do Patrimonio Artístico, Museos e Mercado da Arte. Actualmente presta servizos como educadora no CGAC e realiza a súa tese de doutoramento en arte contemporánea.
SOFÍA MEDIERO (Covelo, Pontevedra, 1999) é graduada en Historia da Arte pola USC e monitora de tempo libre, conta cun mestrado en Xestión do Patrimonio Artístico, Museos e Mercado da Arte e co mestrado habilitante como docente. Actualmente presta servizos como educadora no CGAC.
