FOTO TALLER ESCRITURA CREATIVA

AUTOBIOGRAFÍA CUANTIFICADA (OU QUE DIFÍCIL É SER UNHA MESMA!). Obradoiro de escritura creativa

08 Febreiro 2026 - 31 Maio 2026
Domingos de 17:00 h a 19:30 h
Biblioteca do CGAC
Coordinación:
Virginia Villar
Prazas:
15

O CGAC propón este novo laboratorio de escritura, que se desenvolverá ao longo de catro meses en sesións quincenais.

O proxecto é un cruzamento entre a literatura e a arte conceptual no que as persoas participantes escribirán a súa propia biografía.

Tomando como punto de partida a publicación Autobiografía cuantificada ou que difícil é ser María Meijide, propoñemos un taller de narrativa autobiográfica no que o que lemos sobre a autora no libro se transforma en pregunta aberta para cada participante.

A dinámica do taller incluirá lecturas e as persoas asistentes serán convidadas a escribir breves relatos autobiográficos cunha estrutura lúdica que toma as súas formas dos exercicios da Oulipo francesa. Organizaremos as palabras como se fosen listas da compra, manuais ou formularios de representación. Formularemos preguntas como: en cantos sitios viviches?, cantas veces mudaches de casa?, organiza os teus odios de menor a maior…

E, facéndonos eco das experiencias vividas, tentaremos enraizar estas pezas autobiográficas no presente: a historia breve das nosas vidas nos últimos anos.

O material elaborado no obradoiro poderá servir como cerne dun proxecto de escritura colectiva infinita e encadeada, susceptible de difundirse nas redes.

 

SESIÓNS

8 e 22 DE FEBREIRO
8 e 22 DE MARZO
12 e 26 DE ABRIL
10 e 31 DE MAIO

 

MARÍA MEIJIDE (Santiago de Compostela, 1978) é licenciada en Belas Artes, coa especialidade de Pintura, pola Universidade de Sevilla. Cursou un mestrado en Pintura na Facultade de Belas Artes da Universidade de Lisboa, cunha tese de fin de mestrado titulada “Intimidades próprias e alheias. Sobre a pintura de cenas de interior”. Cursou o mestrado de Obra Gráfica da Fundación CIEC, nos módulos de serigrafía, litografía, calcografía e xilografía.

É unha artista plástica consolidada no panorama galego, especializada en pintura figurativa de gran formato e en cadernos de viaxes. O seu traballo é vivo, colorista e de trazo autobiográfico, cunha ampla traxectoria en proxectos expositivos nacionais e internacionais.

Publicou dous cadernos de viaxes de gran percorrido e unha cartografía emocional de Compostela. A súa última publicación é unha peza en formato caderno titulada Autobiografía cuantificada ou que difícil é ser María Meijide, coeditada por Tulipa Editorial.

En 2021 foi galardoada co Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica na súa décimo sexta edición.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

O obradoiro está dirixido a persoas adultas e pode realizarse sen necesidade de experiencia previa.

 

PRAZO DE INSCRICIÓN

Do 19 de xaneiro ao 4 de febreiro de 2026

 

INSCRICIÓN

A participación no obradoiro é de balde. As persoas interesadas deberán enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal cos seguintes datos: nome completo, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.
Poderán inscribirse un máximo de dúas persoas por solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición.

 

CERTIFICACIÓN

O CGAC expediralles un certificado de aproveitamento do curso a todas aquelas persoas que participen, como mínimo, no 75 % das sesións.