Xornadas de música contemporánea

CALEIDOSCOPIO. Xornadas de Música Contemporánea

12 Xuño 2024
20:30 h
Auditorio do CGAC
Prazas:
Entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala.

Organizadas polo Auditorio de Galicia - Compostela Cultura, o Concello de Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Universidade de Santiago de Compostela, co apoio económico da Deputación da Coruña, as Xornadas de Música Contemporánea traen a Compostela un calidoscopio de sons e propostas artísticas.

Do 5 ao 20 de xuño, o ciclo retoma a súa cita anual coa música de vangarda dos séculos XX e XXI e o diálogo entre artistas, formacións e creacións contemporáneas. A cidade volve ser escenario para a residencia da Joven Orquesta Nacional de España, que ofrecerá no Auditorio de Galicia cinco concertos na compaña de Ensemble Modern e Trío Arbós. A programación complétase coas intervencións da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, Ensemble Liberdade e a compañía de danza Lookathingsdifferent ao son da música en vivo de Nico Casal.

 

PROGRAMA NO CGAC

Para esta ocasión, Ensemble Liberdade incorpora pola primeira vez dúas novas variables que rachan coa sonoridade dunha formación musical de cámara. A guitarra eléctrica de Manuel Cebrián e a voz poliédrica de Rubén Fernández súmanse agora ao violín de Elena Vázquez, á viola de María José Pámpano, ao violonchelo de Macarena Montesinos, á batería de LAR Legido, aos saxos e a gaita de Diego Alonso e Xosé Miguélez e mais á trompeta de Javier Pereiro para artellar un espectáculo que nos fai claudicar ante a exuberancia sonora e dá conta das posibilidades infinitas da música.

 

ENSEMBLE LIBERDADE é a formación de guerrilla da Orquestra Galega de Liberación, liderada por Xacobe Martínez Antelo. Trátase dun proxecto musical que ten na improvisación a súa fonte primixenia de inspiración e cuxo principal cometido é investigar co fin de ir superando fronteiras musicais e amosar os novos camiños e puntos de fuga que se abren ante nós.

 

logotipos entidades colaboradoras