Curso de introdución á ópera contemporánea: C'est n'est pas une opera.

C'EST N'EST PAS UNE OPERA. Curso de introdución á ópera contemporánea

23 Novembro 2020 - 01 Decembro 2020
23, 24, 30 de novembro e 1 decembro de 18:30 a 20:30 h
En función da situación sanitaria que exista no momento da realización do curso, este realizarase na modalidade presencial ou en liña.
Coordinación:
Gema Baños
Dirección:
Rosa María Fernández
Prazas:
20
Matrícula:
20 €

O termo ópera pode evocar unha arte destinada ao mundo burgués, ou cando menos, allea ás inquedanzas propias do século XXI, coas súas controvertidas e poliédricas visións da arte e do ser humano.

No entanto, poucas artes teñen reflexionado con tal impacto sobre quen somos e como actuamos como a ópera contemporánea, na que teñen cabida unha ampla variedade de linguaxes novas e rupturistas, escenografías radicais e dramaturxias que xa forman parte do novo canon estético.

Hoxe máis ca nunca atinxíronse as maiores cotas de innovación e creatividade na ópera, grazas á atracción que sentiron por ela grandes directores de escena (Patrice Chéreau, Peter Brook, Peter Sellars, Frank Castorf...), escenógrafos (Marina Abramovic, Calixto Bieito, Bob Wilson etc.) ou videoartistas e artistas plásticos (como Bill Viola ou Jaume Plensa). A revolucionar o mundo da ópera tamén contribuíron as tecnoloxías aplicadas á dramaturxia visual e a combinación de sonoridades totalmente novas coas tradicionais, tanto no ámbito dos sons orquestrais como, sobre todo, no tocante ás múltiples posibilidades do canto e da voz na era dixital.

Este curso pretende iniciar na ópera actual a aquelas persoas totalmente alleas a ela que queiran indagar, preguntarse e coñecer os conceptos básicos musicais que a conforman, por que e como xorden, mergullarse nas distintas tipoloxías de ópera: expresionista, dodecafónica, serial, ópera-instalación, Literaturoper, etc., sempre concedéndolles unha especial relevancia ás producións máis emblemáticas.

Durante catro sesións, farase un percorrido polas óperas fundamentais dos séculos XX e XXI que fixeron evolucionar o xénero ata a máis estrita contemporaneidade, vinculándoas co seu contexto social e artístico, deténdonos nos seus elementos musicais máis importantes e elaborando un estudo estético-hermenéutico que relacione a produción dos seus compositores coas correntes estéticas que cada ópera mellor representa, a través dunha metodoloxía transversal que transitará entre a antropoloxía, a psicoloxía da música e a musicoloxía.

As sesións terán unha duración aproximada de 2 horas, nas que se tratará o movemento estético no que se encadra a obra, o perfil biográfico e estilístico do compositor e os aspectos máis destacados da súa forma de compoñer, a ópera obxecto de análise e, finalmente, os procedementos máis destacados da obra tanto no plano da escoita como no da escritura.

 

ROSA MARÍA FERNÁNDEZ (Ponferrada, León, 1970) é licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Oviedo (coa especialidade de Musicoloxía) e doutora cum laude en Música Contemporánea pola Universidade Autónoma de Barcelona. É académica correspondente por Santiago de Compostela da Reial Acadèmia Catalana de Belles Arts de Sant Jordi. É investigadora sobre música contemporánea no Institut de Recherche en Musicologie da Universidade da Sorbona. É así mesmo autora de varios libros sobre música e compositores galegos dos séculos XX e XXI, así como de numerosos artigos para revistas académicas e congresos internacionais.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

O curso está dirixido a persoas que, sen teren coñecementos musicais concretos, queiran abrirse ao ámbito da ópera contemporánea.

 

INSCRICIÓN

As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal. Nela deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, as persoas inscritas serán informadas sobre como realizar o pagamento.

 

CERTIFICACIÓN

O CGAC expediralles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.