ENSEMBLE LIBERDADE

CICLO CONCERTOS EN CONSTRUCIÓN ENSEMBLE LIBERDADE

23 Xaneiro 2024 - 14 Maio 2024
Coordinación:
Carmen Hermo Martínez e Virginia Villar
Dirección:
Xacobe Martínez Antelo

Coincidindo no espazo e no tempo coas montaxes das próximas exposicións temporais do CGAC, Ensemble Liberdade realizará un proxecto de residencia musical ao redor da idea da construción e da creación en proceso.

O programa empezará cun concerto para formigoneira dirixido a todos os públicos e concluirá cunha serie de concertos didácticos concibidos para o público infantil e o público adulto, respectivamente.

Ensemble Liberdade nace como un formato reducido da Orquestra Galega de Liberación, co fin de profundar aínda máis na liña de traballo desta. Ensemble Liberdade usa técnicas de vangarda como o sound painting para a composición de material musical en tempo real, o que consegue botando man da improvisación como materia prima e buscando novos contextos nos que deconstruír os usos compositivos máis frecuentes. Unha mostra poderosa e actual da escena musical contemporánea e de como aínda é posible innovar no campo da experimentación sonora e musical.

Os integrantes deste grupo de cámara, composto por un cuarteto de corda, un trío de ventos e percusión, son: Elena Vázquez, violín María José Pámpano, viola Macarena Montesinos, violonchelo Saúl Puga, contrabaixo Diego Alonso, saxo soprano Xosé Miguélez, saxo tenor e gaita galega Javier Pereiro, trompeta LAR Legido, batería e percusións Xacobe Martínez Antelo, dirección

PROGRAMA DE CONCERTOS ABERTOS

23 XANEIRO E 6 DE FEBREIRO |Prazas: 250 | Entrada libre ata completar a capacidade da sala

MARTES 23 DE XANEIRO | 20:00 h. Concerto para formigoneira e ensemble, composto en tempo real e interpretado por LAR Legido e Ensemble Liberdade

MARTES 6 DE FEBREIRO |  20:00  h. Concerto inmediato para refugallo e ensemble, composto en tempo real e interpretado por Ensemble Liberdad

O programa de concertos abertos busca achegar a música contemporánea e de vangarda a todos os públicos e dar testemuño das infinitas vías que esta disciplina posibilita. Camiños diversos, inauditos e divertidos a prol da excelencia musical e performativa, e tamén dos procesos liberadores das artistas que os transitan. O traballo de Ensemble Liberdade, un grupo reducido e avanzado da Orquestra Galega de Liberación, consegue proporcionarlle ao público unha experiencia inmersiva e única.

PROGRAMA DE CONCERTOS DIDÁCTICOS OUTRAS MÚSICAS SON POSIBLES

13 E 14 DE MAIO

Este programa presentarase en dous formatos: dous concertos especialmente dirixidos ao público infantil e un concerto pensado para o público adulto. Estas sesións versarán, dunha maneira amena, práctica e participativa sobre a escoita activa, as posibilidades ás que se enfronta a composición contemporánea e os procesos de xuízo por parte das persoas oíntes. Artistas e oíntes penetramos da man no marabilloso mundo das músicas posibles e formulámonos preguntas como: Que é música e que non o é? Por que nos gusta unha música e outra non? Onde está a música que eu necesito e como podo atopala? Hai músicas demasiado complexas? Hai músicas demasiado simples? Hai músicas boas e músicas malas?

CONCERTOS DIDÁCTICOS PARA ESCOLARES

LUNS 13 E MARTES 14 DE MAIO | Lugar: Auditorio do CGAC |  Prazas: 250 por quenda | Entrada gratuíta con inscrición previa

HORARIOS: 10:30 h. Primeira quenda

                  12:00 h. Segunda quenda

PERSOAS DESTINATARIAS: Grupos de escolares de primeiro e segundo ciclo de educación primaria.

INSCRICIÓN: O prazo de inscrición estará aberto do 1 ao 4 de abril de 2024. Os centros interesados deberán enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal cos seguintes datos: nome do centro, número de participantes, curso ou idade, número de teléfono, enderezo electrónico e nome da persoa responsable do grupo. As prazas cubriranse por orde de inscrición e os centros solicitantes recibirán unha notificación do estado da súa solicitude por correo electrónico.

CONCERTO DIDÁCTICO PARA ADULTOS MARTES 14 DE MAIO |  Horario: 20:00 h  |  Lugar: Auditorio do CGAC | Prazas: 250 | Entrada libre ata completar a capacidade da sala