
22:30 horas
A programación que aquí presentamos alenta as iniciativas promovidas por realizadoras, actrices e organizacións de mulleres, cuxo traballo politicamente consciente se iniciou no período pre-talibán e seguiu a desenvolverse desde o exilio até hoxe, comprometéndose co seu destino. Pretendemos deste xeito contribuír a un maior coñecemento crítico sobre os diversos métodos e estratexias levados a cabo en Afganistán para tratar o xénero, os roles de xénero, as súas atribucións hexemónicas e as súas representacións. Con este fin, Cines de Afganistán ofrece un conxunto de narrativas que escapan aos parámetros visuais dominantes e cuxa función micropolítica aspira a xerar cambios no seu contorno inmediato. A necesidade de documentar presupón aquí unha relación de responsabilidade ética entre o documentado e as formas de documentar. É dicir, as películas implican a consciencia de que a participación dos seus protagonistas serve como reivindicación pública das condicións de vulnerabilidade ás que se enfrontan na súa vida cotiá. Deste modo, a práctica cultural ocupa o lugar da política, devén unha ferramenta de emancipación, estreitamente vinculada á produción alternativa de subxectividade e de microcosmos sociais.
Repartido en tres sesións tematicamente organizadas, o ciclo inclúe realizacións documentais de recente produción, unha selección de películas do Instituto Afghan Films realizadas entre 1969 e 1990, películas dirixidas por autores e autoras afgáns no exilio, así como producións procedentes de países como Tadxiquistán e Alemaña. Lonxe de se constituír nun panorama sobre o cine afgán, o ciclo busca voluntariamente mostrar visións heteroxéneas e descontinuas de Afganistán en conexión con Europa, que nos sitúen perante as mutacións sociais ocorridas a raíz dos numerosos cambios políticos e culturais experimentados durante as catro últimas décadas.
A selección das películas foi feita pola realizadora alemá Sandra Schäfer a partir das mostras de cine Splice In (Kassel, Berlín e Hamburgo, 2007) e Second Take (Kabul, 2008). Ambas as dúas dirixidas por Mazefilm (Berlín) en colaboración con Basa Film (Kabul) e Afghan Films (Kabul).
21 DE XULLO. PROGRAMA 1
ESCENIFICANDO A DEMOCRACIA
[duración: 83 min]
UNGEDULDIG / Impaciente
2007 / Alemaña / 28 min / V.O.S.E
Filme coproducido por Media Educational Project Mokala/Basis&Woge e.V. Ungeduldig é un proxecto documental desenvolvido por un grupo de seis mozos de Afganistán, India, Irán e Serra Leoa, que tentan de aturar unha vida en Hamburgo cun permiso de residencia sen garantía de estado. Como unha persoa pode vivir baixo o temor constante a ser deportada?, preguntan. O “permiso excepcional para permanecer” significa para eles vivir sen traballo, sen apenas acceso á formación e sen saberen como xestionar o seu futuro.
11.000 KM DESDE NOVA YORK
2005 / Tadxiquistan / Dirección: Orzu Sharipov / Cámara: Georgiy Dzalaev / Edición:
Muborak Sharipova / 20 min / V.O.S.E.
En novembro de 2001, as duras batallas provocadas polo réxime talibán obrigan a miles de afgáns a buscar refuxio preto da fronteira con Tadxiquistán. Orzu Sharipov documenta a vida cotiá nos campamentos de refuxiados, condicionada pola paisaxe árida da estepa afgá.
25 DARSAD / 25 por cento
2007 / Afganistán / Dirección: Diana Saqeb / Cámara: Malek Shafi’i / Produción:
CACA-Kabul / 35 min / V.O.S.E.
Conforme a constitución afgá de 2004, o vinte e cinco por cento do conxunto de membros do parlamento debe estar formado por mulleres. A directora Diana Saqeb revela as estratexias de seis destas mulleres, para conciliaren a vida pública e a privada, mentres fan valer os seus obxectivos políticos nunha sociedade tradicional dominada polo patriarcado.
28 DE XULLO. PROGRAMA 2
ESCENIFICANDO A DEMOCRACIA
[duración: 71 min]
PASSING THE RAINBOW / Cruzando o arco da vella
2007 / Alemaña / Dirección: Sandra Schäfer e Elfe Brandenburger / 71 min / V.O.S.E
Passing the Rainbow trata sobre os métodos para subverter as estritas normas de xénero na sociedade afgá en colaboración cun conxunto de protagonistas femininas que viven e traballan en Kabul. Mediante a alternancia de escenas documentais, secuencias escenificadas e referencias á historia cinematográfica de Afganistán, a película visualiza as interaccións e contradicións entre os imaxinarios construídos e as condicións de vida reais.
4 DE AGOSTO. PROGRAMA 3
DO ARQUIVO AFGHAN FILMS
[duración: 63 min]
TALABGAR / O candidato ao matrimonio
1969 / Afganistán / Dirección: Khaleq A’lil / Actores: Kahn Aqasorur, Rasol Maimuna,
Rafiq Sadek, Habiba Askar /40 min / V.O.S.E.
Nasser, estafador e ladrón, quere casar con Sima, estudante de familia de clase media que vive en Kabul. Co seu altivo comportamento é quen de impresionar o pai de Sima, non obstante para ela a felicidade non reside na riqueza nin no matrimonio, senón na educación. Sima rebélase contra os valores dos seus pais e finalmente consegue pór ao descuberto a estafa de Nasser.
SAYEH / Sombra
1990 / Afganistán / Dirección: Nacir Alqas / Guión: Siddiq Barmak (a partir da novela
de Shalal Ahmad) / Actriz: Yasemin Yarmal / 23 min / V.O.S.E.
Rodada en Kabul despois de dous anos de prohibición, Sayeh relata a historia dunha viúva de guerra que en segundas nupcias casa cun home que rexeita o fillo que tivo co seu primeiro marido.
Baseada nunha dramaturxia que recorda o cine neorrealista italiano, a película reflicte a concepción ríxida das funcións de cada xénero nun período en que o país estivo ameazado por sucesivas guerras civís logo da ocupación soviética.
Este ciclo é unha iniciativa de Mazefilm e Working Images
Con la colaboración de Casa Asia
Coordinación: Gema Baños