CLAUDIO ZULIAN. NO ESPAZO E NA VOZ LEMOS O TEMPO I. Taller de artista
Unha cidade é un organismo complexo. Persoas con culturas moi diferentes, espazos habitacionais ou públicos que cambiaron en varias épocas de uso, loitas políticas ou sociais que reflicten as súas tensións no urbanismo e na arquitectura, a historia natural do lugar, a historia do mundo e as influencias globais; todo iso dálle forma á cidade e á vida que a habita. Achegarse a ela significa, antes que nada, o abandono de todo prexuízo. Un exercicio máis difícil do que parece porque incluso os nosos ollos están cheos deles: algúns detalles dos edificios non os vemos porque non nos parecen significantes.
Por todo iso, unha cidade é un enorme dispositivo de producir cultura e, neste sentido, ningún achegamento a ela é neutro, senón que pasa a formar parte inmediatamente da propia vida da cidade.
Para lles dar un sentido concreto a todas estas cuestións, neste taller centrarémonos no compostelán barrio de San Pedro, adxacente ao CGAC.
Durante catro días, a partir das experiencias do artista Claudio Zulian en diferentes cidades e en consonancia co perfil dos participantes, levaremos a cabo algúns exercicios de lectura e escoita do barrio, e exploraremos posibles camiños de concreta produción cultural, tanto artística como académica ou sociopolítica.
IMPARTE
CLAUDIO ZULIAN (Campodarsego, Padua, Italia, 1960)
Artista visual e sonoro, director de cine e documentais, músico e escritor. Nacido en Italia, actualmente vive en Barcelona. É doutor en Estética, Ciencia e Tecnoloxía das Artes pola Universidade de París-Saint Denis (Francia). As súas obras artísticas e as súas películas tiveron unha difusión internacional. Entre as súas exposicións destacan Histoires d’avenir (Jeu de Paume, París, 2013) e Vidas (CGAC, Santiago de Compostela, 2022). En 2022 estrea a súa última película: La montagna incantata. As súas anteriores longametraxes pódense ver en diferentes plataformas na Rede.
Máis información en www.claudiozulian.com.
PERSOAS DESTINATARIAS
Profesionais, estudantado ou persoas interesadas na arte, o cine, a fotografía, o periodismo, a antropoloxía, a socioloxía ou a filosofía, así como persoas interesadas no traballo sociocultural tanto no ámbito urbano como no rural.
INSCRICIÓN
As persoas interesadas poden inscribirse enviando unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal. As solicitudes deberán incluír os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, as persoas inscritas recibirán as indicacións precisas para facer efectiva a matrícula.
PRAZO DE INSCRICIÓN
Até o 14 de novembro ás 13:00 h
CERTIFICACIÓN
O CGAC entregaralles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.
