speech-bubble-pop-art-on-cement-wall-texture-background-design-1591615927OBF.jpg

A CONSTRUCIÓN DA MODERNIDADE. A ARTE DESPOIS DA SEGUNDA GUERRA MUNDIAL ATA OS ANOS OITENTA. CURSO DE ARTE, CULTURA E HISTORIA

17 Xaneiro 2023 - 06 Xuño 2023
Martes de 19:00 a 21:00 h
Coordinación:
Virginia Villar
Prazas:
150
Matrícula:
30€

As consecuencias da Segunda Guerra Mundial motivaron o exilio aos Estados Unidos de gran número dos artistas que protagonizaran as vangardas europeas. Nova York converteríase no gran foco artístico internacional, substituíndo o papel que tivera París. Alí confluíron poderosos mecenas e coleccionistas, ademais dos primeiros museos de arte contemporánea, como o MoMA ou o Guggenheim, que reclamaron e acolleron os artistas europeos. Mentres en Europa se vivían as carencias artísticas da posguerra, en Nova York, un grupo de mozos bautizados como "expresionistas abstractos" toma o relevo das anteriores vangardas europeas. A arte pop converte a sociedade de consumo en fonte de inspiración dos primeiros anos sesenta e como reacción a esta xorde o minimalismo, unha opción que enfatiza a primacía da súa propia esencia artística fronte a calquera significado.

Os sesenta foron tamén anos de rebeldía fronte ao minimalismo: un panorama de novas propostas que, xunto cos feitos históricos e sociais da época, vai alterar totalmente o ámbito da creación artística. Son os “novos comportamentos artísticos”, como lles chamou Simón Marchán, cos que se produce unha brecha que vai desde a anunciada ruptura de xéneros —como ocorre coa escultura no campo expandido— ou a utilización do corpo como soporte ata primar o interese polo proceso construtivo ou pola idea mesma fronte ao obxecto para chegar a unha decidida eliminación deste. A irrupción de novos códigos, as intervencións na natureza ou a presenza, cada vez máis reivindicativa, da muller no mundo da arte son algunhas das consideracións que fan moi difícil expoñer ordenadamente as propostas máis significativas da época.

O curso acabará nos anos oitenta atravesando un panorama dominado polas manifestacións próximas ou derivadas do conceptual. Terán que transcorrer máis de dez anos para que novamente o pictórico teña un lugar propio e con el, a posmodernidade, que lle pon fin a este relato.

Programa:

17 de xaneiro. Dos epígonos das vangardas ás novas actitudes da arte. Nova York, a nova capital da arte. Novos comportamentos artísticos. Ruptura de límites. A obra de arte no campo expandido. A consideración da arte e a nova imaxe do artista na sociedade postindustrial. Museos e centros de arte contemporánea. Arte e mercado. Do museo ao espazo público.

 

31 de xaneiro. A pintura expresionista americana. O New Deal e a súa repercusión na arte. Os novos críticos e a súa influencia. Jackson Pollock e o expresionismo abstracto. A action painting. A escola de Nova York e as súas repercusións no mundo artístico americano. O espacialismo abstracto.

 

14 de febreiro. Os epígonos da vangarda na Europa de posguerra. As carencias do contexto europeo. A Internacional Situacionista. A destrución da arte: Dubuffet, Francis Bacon e Giacometti. A arte outra. A perspectiva española: Saura, Tàpies e Chillida.

 

28 de febreiro. Novas filosofías e doutrinas. De Bergson a Nietzsche. Da psicanálise ao existencialismo. Sesión a cargo de Federico López Silvestre.

 

14 de marzo. Os anos sesenta. O Independent Group británico. “Hoy es mañana”. As relacións entre a arte, o deseño e a sociedade de consumo. Os Estados Unidos: o neodadaísmo (signos cotiáns e ambigüidades conceptuais). O desbordamento pop nos Estados Unidos. Da banalidade publicitaria ao espazo do museo: Warhol, Lichtenstein, Oldenburg. Arte e cultura de masas.

 

28 de marzo. Idea, obxecto e material. Clement Greenberg e a abstracción pospictórica. As estruturas minimalistas. A incidencia do construtivismo. Donald Judd, Sol LeWitt, Carl Andre, Donald Judd, Dan Flavin. Realizacións e teoría.

 

11 de abril. A contestación á arte minimalista. A antiforma de Robert Morris. A fenomenoloxía da percepción: Richard Serra. A abstracción excéntrica: Eva Hesse. O activismo europeo: arte povera.

 

25 de abril. A natureza como obxecto de intervención. O earthwork nos EUA: Robert Smithson. Michael Heizer. O land art europeo: Richard Long. Naturezas construídas: Nancy Holt, Walter de Maria. Christo: natureza e monumentos.

 

9 de maio. Desmaterialización do obxecto. A idea e a acción. Bases e antecedentes da arte conceptual. Yves Klein. Piero Manzoni. A arte do corpo. Performances: o accionismo vienés. Marina Abramovic. Fluxus. Beuys: arte e compromiso social.

 

23 de maio. A revisión do conceptual: Bruce Nauman. A crítica institucional e a resistencia da xeración posminimalista. Hans Haake. Daniel Buren. A nova escultura británica. Anish Kapoor.

 

6 de xuño. A afirmación da identidade e do xénero. Arte e feminismo. 1971: “Por que non houbo grandes mulleres artistas?”. As revindicacións femininas dos anos sesenta e setenta. Louise Bourgeois. Ana Mendieta. O feminismo militante: Judy Chicago, Martha Rosler. As Guerrilla Girls. Barbara Kruger. Jenny Holzer. As artistas do corpo: Cindy Sherman.

Imparten:

MARÍA LUÍSA SOBRINO MANZANARES (Vigo, Pontevedra, 1943) é catedrática xubilada de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela. O seu labor investigador diríxese cara á área da arte contemporánea, tanto no referente ao ámbito galego como ao internacional. Comisariou exposicións e participou en numerosas publicacións sobre a historia da arte entre as que destacan O cartelismo en Galicia, Escultura contemporánea no espacio urbano, Nuevas visiones del paisaje: la vertiente atlántica, e catálogos como Seoane e a vangarda internacional: os seus mestres, os seus amigos, A Galicia moderna e Luís Seoane. Foi coordinadora da sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega desde onde dirixiu e editou un conxunto de máis dunha ducia de publicacións baixo o título xenérico de Arte +. Dirixiu ata o número 14 a publicación de Quintana, revista do Departamento de Historia da Arte da USC, e foi membro do padroado do CGAC. Na actualidade segue traballando en artigos, relatorios e informes relacionados co campo da arte.

Persoas destinatarias:

Todas aquelas persoas interesadas na arte, a historia e a cultura. Non é necesario ter coñecementos previos.

 

Inscrición:

O prazo de inscrición estará aberto desde o 11 de novembro ao 13 de xaneiro. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a onlinecgac@gmail.com. Nela deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, as persoas inscritas serán informadas sobre como realizar o pagamento.

Certificación:

O CGAC expediralles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 70 % das sesións.