FOTO CURSO MODA AVANT GARDE

DIÁLOGOS AVANT GARDE. CURSO EN LIÑA DE MODA E ARTE CONTEMPORÁNEA

20 Febreiro 2024 - 12 Marzo 2024
martes de 19:00 a 20:30 h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Blanca Paula Rodríguez Garabatos
Prazas:
100
Matrícula:
30€

Tanto a moda coma a arte reflexionan sobre a realidade mediante unha representación. A interacción entre estas dúas disciplinas é frecuente, de maneira que unhas veces a moda imita a arte en tanto que outras é a arte a que imita a moda. Desde finais do século XIX e ata o século XXI foron moitos os artistas e couturiers que marcaron a diferenza con respecto á estética dominante. A comezos do século XX, cos movementos vangardistas, empezan a diluírse as fronteiras entre moda e arte, xa que a alta costura e o deseño comezan a traballar coas mesmas técnicas e enfoques que se usaban nas prácticas artísticas. As vangardas históricas contribuíron a que arte e moda rompesen cos moldes tradicionais propugnando unha nova linguaxe expresiva que dotou de maior liberdade os creadores e creadoras de ambas as disciplinas. Ao longo das sesións deste monográfico, veremos como, daquela e agora, as deseñadoras e deseñadores de moda propugnan a busca dunha nova linguaxe de creación que pretende satisfacer tanto o desexo de distinción coma as ansias de consumo. As interaccións entre moda e arte exemplificaranse a través dos vestidos de grandes modistas como Madeleine Vionnet e, máis recentemente, John Galliano, Alexander McQueen ou Dolce & Gabbana, que souberon plasmar e reinterpretar a estética e o espírito rompedor dalgúns ismos das artes plásticas: o impresionismo, o simbolismo, o futurismo ou o surrealismo. Finalmente, nun camiño de ida e volta, consignaremos a intención das e dos creadores de alta costura de elevar a consideración do vestido á categoría de obra de arte que poida, incluso, admirarse nos museos.

Programa:

20 febreiro As luces do impresionismo: Sorolla, Sargent, Monet…

27 febreiro A reforma do vestido: Klimt, a Secession… Galliano

5 marzo Figuras pioneiras da moda futurista: Vionnet, Cardin e Courreges

12 marzo Alexander McQueen: un monstruo vén verme

 

 

Imparten:

BLANCA PAULA RODRÍGUEZ GARABATOS (Santiago de Compostela, 1973) é catedrática en Xeografía e Historia, investigadora e docente. Licenciouse en Dereito e Historia, na especialidade de Historia Contemporánea e Estudos Americanos, pola USC e é doutora en Estudos Literarios pola Universidade da Coruña, cunha tese titulada “Moda de la belle époque e indumentaria en la obra de Emilia Pardo Bazán”. Impartiu conferencias sobre moda en diferentes seminarios da Universidade da Coruña e participou na Fashion and Design Conference, realizada recentemente na Escola de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) en Pontevedra. En 2021 dirixiu o curso Vestindo a época. A moda, a oitava arte, organizado polo CGAC. Ademais, é autora dos libros Emilia Pardo Bazán y la moda e Emilia Pardo Bazán: visiones del dandismo, publicados ambos por Hércules de Ediciones. Colabora de maneira habitual coas revistas de cine Versión original e Icónica, e é autora de diversos artigos sobre as relacións entre a moda, a literatura e a arte en publicacións como Tropelías, Boletín galego de literatura, DeSignis, Cuadernos hispanoamericanos ou La tribuna.

Persoas destinatarias:

Persoas interesadas na historia da moda e na historia da arte

Inscrición:

O prazo de inscrición está aberto desde o 11 de decembro de 2023 ata o 15 de febreiro de 2024. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal na que deberán indicar o seu nome e apelidos, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez que se acepte a solicitude, as persoas inscritas recibirán información sobre como realizar o pagamento e sobre como conectarse ás sesións en liña.

Certificación:

O CGAC expediralles un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que participen, como mínimo, no 70 % das sesións.