Imaxe

EL PUNTO IMPROPIO DOCUMENTAL

24 Maio 2023
19:00 h
Auditorio do CGAC
Dirección:
Javier Martín

El punto impropio (O punto impropio, 2023) é un proxecto de Javier Martín que pon en diálogo o traballo coreográfico con investigacións sonoras e materiais visuais en tempo real: unha sorte de rexistro e composición auditiva [A], somática [S] e visual [V] que, en exercicio resonante, activa e resignifica a coreografía. A obra propón a entrada a un laboratorio no que a percepción do corpo se distorsiona e se afina a un tempo, de xeito que suxire novas sensibilidades. Unha experiencia que cuestiona o eu percibido, a identidade construída sobre a base de proxeccións comunmente asumidas, a través de distintas tecnoloxías na escena para explicar o animal que somos. Un desprazamento cara a outras versións posibles da nosa identidade: canto de nós nos é alleo?, que é o verdadeiramente propio e onde podemos atopalo? Instalación visual, ciencia expandida e performatividade. Concerto, coreografía e live cinema.

O proxecto El punto impropio xurdiu a partir da investigación de texturas e do rexistro de sons do corpo nunha cámara anecoica no centro atlanTTic da Universidade de Vigo, e continuou o seu percorrido co apoio de diversas residencias ao longo dun ano en Etopía Centro de Arte e Tecnoloxía (Zaragoza), L’animal a l’esquena (Celrà, Xirona), Guelra-Gnration (Braga, Portugal) e A Casa Vella (Amiadoso, Allariz, Ourense). O espectáculo estreouse finalmente en marzo de 2023 na Sala Miguel Covarrubias de Danza da UNAM, en Cidade de México.

O documental que se proxecta no CGAC recolle apuntamentos visuais, corporais, poéticos e sonoros do traballo de investigación desenvolvido para o espectáculo coreográfico de Javier Martín El punto impropio A/S/V e acompaña o equipo no seu proceso de procura e indagación ao longo dun ano.

 

 

 

Programa:

19:00 h Proxección do documental El punto impropio

19:50 h Charla/coloquio de Javier Martín (director do documental e coreógrafo) con Rosa Vázquez Santos (psicoanalista)

Imparten:

JAVIER MARTÍN (A Coruña, 1980) desenvolve un proxecto de investigación —de corte epistemóloxico e crítico— ao redor das artes do movemento. Situado na creación coreográfica e performativa, presentou o seu traballo en España, Portugal, Francia, Rusia, Ucraína, México, Colombia, Uruguai ou Guatemala. O seu traballo sobre o movemento e o corpo está baseado nos rigores da improvisación como principal método de creación e linguaxe escénica. Aborda a creación en danza desde unha perspectiva transdisciplinar, colaborando con distintos artistas e abrindo a miúdo os seus procesos a outras comunidades, na procura dun corpo ampliado ou ácrata.

 

ROSA VÁZQUEZ SANTOS (Santiago de Compostela, A Coruña, 1970) psicanalista de orientación lacaniana, membro da Escola Lacaniana de Psicanálise e da Asociación Mundial de Psicanálise. É psicóloga colexiada e doutora en Historia da Arte. Adoita colaborar con publicacións e blogs de psicanálise, campo no que actualmente realiza un traballo de investigación sobre a figura de Aby Warburg. Exerce a súa práctica clínica na cidade de Santiago de Compostela.