taller SERIGRAFÍA

FAINO TI. Taller de serigrafía

01 Xullo 2023
De 11:00 a 13:30 h
COLABORACIÓN CO BARRIO DE SAN PEDRO
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Alba Vázquez e Kike Muñoz
Matrícula:
actividade de balde e sen inscrición previa

Desde o pasado ano, no CGAC levamos a cabo un proxecto de escoita do barrio de San Pedro no que se recolle a súa historia, tradicións, economía local e testemuños da transformación da súa paisaxe urbanística e humana.

Ademais, este 2023, o CGAC e o barrio de San Pedro estamos de aniversario e queremos celebralo cunha actividade colaborativa. Coincidindo co inicio das súas populares festas, propoñemos un taller de serigrafía para todos os públicos impartido por dous veciños do barrio co fin de crear comunidade e de vincular a arte contemporánea á veciñanza.

A serigrafía é unha técnica de impresión milenaria que segue presente na actualidade en diversos ámbitos, formatos e oficios. O uso da serigrafía ao longo do tempo é amplísimo e podemos atopala en procesos puramente creativos empregados por grandes artistas, gráficas de protesta e activismo social, artes decorativas ou procesos de serigrafía téxtil tan empregados na actualidade.

Neste obradoiro achegaremos a técnica aos participantes a través da creación dun deseño propio que poderán estampar en tea.

No taller empregaremos o esténcil como medio para realizar o noso deseño a través de recortes e baleirados. Contaremos tamén con diferentes padróns para escoller e tintas de cores para crear a nosa prenda personalizada.

 

IMPARTEN

ALBA VÁZQUEZ (Santiago de Compostela, 1991) é psicopedagoga e xestora cultural. Desde hai máis de dez anos realiza obradoiros creativos para diferentes públicos e entidades. Apaixonada da arte e da obra gráfica descobre a serigrafía, entre outras técnicas de gravado, e comeza a experimentar con ela. O carácter democratizador da técnica é o eixe dos seus proxectos.

KIKE MUÑOZ (Madrid, 1989) cursou tres anos de Gravado e Deseño Gráfico na Real Casa da Moeda. Esta experiencia levouno a embarcarse na cocreación dun espazo de artes gráficas aplicadas á reprodución en serie con diferentes técnicas (serigrafía, gravado calcográfico, fotografía analóxica…) mentres o compaxinaba coa súa outra paixón, a tatuaxe, á que se dedica profesionalmente na actualidade.

Xuntos, Alba e Kike forman o colectivo Trueno, que desenvolve obradoiros arredor da técnica da serigrafía cun marcado carácter “faino ti mesmo”.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

Todos os públicos

 

INSCRICIÓN

A actividade é de balde e non precisa inscrición previa. As persoas interesadas poderán achegarse ao taller de pedagoxía do CGAC no horario establecido.

 

MATERIAL

O público poderá traer as súas propias camisetas e bolsas de tea. Ademais, o CGAC porá 50 bolsas á disposición das persoas participantes para o seu estampado.