Foto Danza

FÍSICA CUÁNTICA APLICADA Á DANZA. Taller de danza cuántica

14 Novembro 2025
De 17:00 a 21:00 h
Auditorio do CGAC
Coordinación:
Carmen Hermo
Dirección:
Paula Quintas, Héctor Álvarez Pol
Prazas:
24

Inscrito no marco do programa de actividades que o IGFAE, o CESGA e o CGAC organizan con motivo da Semana da Ciencia, este taller propón un encontro entre ciencia e arte, no que se explorará como os principios da física cuántica —superposición, incerteza, entrelazamento e observación— poden inspirar novas formas de creación e movemento na danza contemporánea.

A través de exercicios corporais, improvisacións guiadas e reflexións teóricas, as persoas participantes experimentarán coa relación entre o corpo, a enerxía e a percepción. Investigarase como a presenza do observador ou observadora pode alterar a realidade escénica, como múltiples posibilidades coreográficas poden coexistir e como o movemento pode chegar a ser unha metáfora do comportamento cuántico.

O taller convida artistas, bailaríns e, en xeral, a calquera persoa que sinta curiosidade pola danza e pola física cuántica a habitar o espazo entre o visible e o invisible, o tanxible e o potencial, xerando unha práctica que combina pensamento científico, intuición corporal e experimentación escénica.

 

PAULA QUINTAS (Ourense, 1983) é bailarina, artista circense, coreógrafa, pedagoga e xestora cultural. Cursou un mestrado en Artes Escénicas na Universidad Rey Juan Carlos e, na actualidade, investiga sobre os límites e as confluencias das artes corporais dentro do programa de doutoramento en Creación e Investigación na Arte Contemporánea da Universidade de Vigo. Como compañía, Paula Quintas-Cía ten unha traxectoria de dez anos producindo espectáculos de formatos e disciplinas diversas. Hibridar a danza e o circo é a súa marca. Cun traballo que se distingue polo diálogo entre o corpo e o movemento, é quen de xerar unha compoñente visual e experiencial a través de códigos contemporáneos. Entre os seus espectáculos máis recentes destacan Aurora boreal (2025) e Multiperspectivas (2021-2024).

 

HÉCTOR ÁLVAREZ POL (Ribas de Sil, Lugo, 1972) é profesor no Departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do IGFAE e move o seu corpo a ritmo de tango. Introducirá as persoas que participen no taller nos elementos básicos e as interaccións fundamentais da física como ferramentas centrais na conversa coa danza contemporánea.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

O taller está dirixido a calquera persoa interesada no corpo como ferramenta expresiva e nas curiosidades relacionadas coa física cuántica.

 

INSCRICIÓN

A participación no obradoiro é de balde. Para inscribirse, as persoas interesadas deberán enviar a cgac.prensa@xunta.gal unha mensaxe cos seguintes datos: nome completo, estudos, área de traballo ou interese, enderezo electrónico e teléfono de contacto. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación. Poderá inscribirse un máximo de dúas persoas por solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición.

 

PRAZO DE INSCRICIÓN

Do 4 ao 12 de novembro de 2025