Cartel Xornadas

FORTALECER E IMPULSAR O TECIDO ARTÍSTICO GALEGO DESDE A BASE. I xornadas de profesionalización artística

12 Decembro 2025 - 14 Decembro 2025
Auditorio do CGAC
Coordinación:
Carmen Hermo
Dirección:
A Colectiva
Prazas:
250
Matrícula:
De balde con inscrición previa

A Colectiva (Asociación Profesional de Artistas de Galicia), en colaboración co CGAC, trae a Galicia un formato de xornadas que xa leva tempo organizándose noutras comunidades do Estado español e que responde a unha demanda urxente do sector da arte no noso territorio. Estas I Xornadas de Profesionalización para Artistas, que se celebrarán do 12 ao 14 de decembro no Centro Galego de Arte Contemporánea, xorden co obxectivo de impulsar o pleno desenvolvemento profesional da actividade artística, atendendo ao progreso social, mediante o recoñecemento e a regulamentación do sector artístico e cultural, e loitando contra a precarización da cultura.

Contarán cun completo programa no que participarán máis de vinte e cinco relatores: artistas, representantes de asociacións profesionais de artistas —autónomicas (PAAC, AVAAC) e estatais (UNIÓN AC)—, axentes culturais e especialistas do sector galego e estatal que son referentes tanto no ámbito nacional como no internacional. Por parte do Ministerio de Cultura asistirán Txema Urquijo, asesor do gabinete do Secretario de Estado de Cultura e coordinador dos traballos de desenvolvemento do Estatuto do Artista desde 2021, e Jesús Carrillo, Subdirector Xeral de Artes Visuais e Creación Contemporánea.

Máis información en www.acolectiva.gal