INTRAHISTORIAS DA ARQUITECTURA III. Curso en liña de historia da arquitectura
Neste terceiro curso sobre as intrahistorias da arquitectura exporemos novos temas e profundaremos noutros xa tratados en edicións anteriores. Partiremos da arquitectura como eixe vertebrador para achegarnos transdisciplinarmente á arte, á cultura, á política, á historia, á artesanía, á economía, á estética e á educación.
Prestaremos especial atención ao material. O vidro, a madeira, a cerámica ou o aceiro e os seus procesos de transformación e creación artesanal ou industrial serán protagonistas este ano. Tamén a linguaxe visual, tan presente nos nosos días, será obxecto de análise e debate.
Falaremos da arquitectura anónima e do concepto de autor. Afundirémonos nos rañainfernos e elevarémonos en xigantes de aceiro. Trataremos a luz, a cor, a transparencia, os esqueletos e as peles. Abordaremos a sempre suxestiva pero en ocasións difícil integración das artes, a creatividade e o compromiso social dunha disciplina que estende a súa capacidade de influencia nas nosas vidas máis aló da peza construída.
METODOLOXÍA
Neste curso achegarémonos ás bases conceptuais da arquitectura en dez sesións nas que se combinará a exposición dos diferentes temas do programa a cargo de Fermín Blanco coa intervención dos nosos invitados procedentes de diversas disciplinas profesionais.
Os temas elixidos serán transversais a varios campos disciplinarios. Con buscamos fomentar a participación dun público heteroxéneo interesado na arquitectura pero non especificamente experto na materia.
PROGRAMA
7 ABRIL
Autoprogettazione. Tributo a Enzo Mari
14 ABRIL
Mestres infiltrados. A arte do vidro e a súa función nas artes decorativas
21 ABRIL
O Laboratorio de Formas de Sargadelos. Encontro con Xosé Vizoso
28 ABRIL
Arquitectos inventores. Patentes desde a arquitectura
5 MAIO
Integración das artes. De Seoane a Boamistura. Debate
12 MAIO
ENSIDESA. Aceiro e movemento moderno
19 MAIO
Fernando Higueras: desde a orixe. Por Lola Boitia e Alberto Humanes
26 MAIO
Xapón: tradición e tecnoloxía
2 XUÑO
Os esquecidos. O silencio do que sabe
9 XUÑO
Indicios de que hai arquitectura. Arquivos e territorios. Con Elisa Gallego Picard
FERMÍN BLANCO (La Pola, Asturias, 1977) é doutor arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid e arquitecto pola ETSAVA. A súa traxectoria profesional está impregnada polo carácter educativo e divulgativo dos seus proxectos, sempre nun ámbito híbrido entre disciplinas. Desde 2011 é profesor de Sistemas de Construción na IE School of Architecture and Design. Comeza a súa experiencia profesional co arquitecto Manuel Gallego (2003-2006) e a partir de 2006 exerce a profesión desde o seu propio estudio na Coruña.
Durante estes anos realizou exposicións e impartiu cursos e conferencias relacionados coa arquitectura, o deseño e a didáctica. En 2008 funda Sistema Lupo, un paraugas baixo o que actualmente se acubilla un excelente equipo de profesionais implicados no binomio arquitectura-educación. A súa premiada tese de doutoramento, “Los huesos de Fisac: la búsqueda de la pieza ideal”, marcou o inicio dunha serie de proxectos de carácter científico-divulgativo sobre a transferencia do coñecemento desde a técnica e a arte á sociedade. Na actualidade coordina, entre outros, os programas Nenoarquitectura na Fundación Luís Seoane da Coruña, e MIES é + no CGAC. Ademais é cofundador da asociación Ludantia Arquitectura e Educación.
PERSOAS DESTINATARIAS
O curso está dirixido a estudantes, profesorado e público interesado na historia da arquitectura e a historia da arte
INSCRICIÓN
O prazo de inscrición estará aberto desde o 2 de marzo ata o 5 de abril de 2021. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal no que deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Cada solicitante recibirá un correo electrónico de confirmación e as indicacións precisas para realizar o pago da matrícula.
CERTIFICACIÓN
O CGAC entregaralles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.
