Joan Fotcuberta: "Génesis. IA", 2025

JOAN FONTCUBERTA. LA FOTOGRAFÍA QUE SE (REVELA) REBELA. Seminario

24 Outubro 2026
MAÑÁ: de 10.00 a 14.00 h
TARDE: de 16.00 a 20.00 h
Sala de xuntas do CGAC
Coordinación:
Carmen Hermo
Dirección:
Joan Fontcuberta
Prazas:
15

A fotografía e outros medios veciños baseados en dispositivos ópticos de captación de imaxes fundamentaron o noso réxime de visualidade centrado no ollo e a cámara. Pero no bicentenario daquela imaxe fundacional de Nicéphore Niépce, a situación cambiou: ao final, a fotografía saíu do armario. Terminou revelando a súa verdadeira condición, rebelándose contra os constrinximentos que a atenazaban. O tránsito da alquimia ao algoritmo non só supuxo substituír condimentos na forma de cociñar a imaxe. Tamén nos ensinou que xa non se trata apenas de aplicala a capturar o mundo, senón a simulalo, a modelalo e a inventalo.

Navegar entre a revelación e a rebelión constituíu o fondo de boa parte da arte contemporánea e do meu traballo en particular: analizar a natureza das imaxes para facilitar a revolta contra esta natureza. Porque a fotografía nunca foi neutra: sempre revela algo e se rebela contra algo. Na actual mutación das imaxes, as fotografías, tradicionalmente concibidas como testemuñas do real, convertéronse en artefactos cada vez máis ambiguos. A chegada da IA acelerou esta transformación e acentúa a crise da noción de veracidade visual. Neste novo escenario, a fotografía, máis que morrer, reconfigúrase, convértese en espectral e mutante para coller forzas e renacer das cinzas como a ave Fénix. Pero vémonos abocados a unha nova orde que provoca ao mesmo tempo fascinación acrítica e rexeitamento apocalíptico, e é necesario transcender esta ambivalencia. O obxectivo é claro: se a tecnoloxía é a linguaxe do poder, é necesario comprender para intervir.

O esqueleto conceptual deste seminario baséase no meu máis recente ensaio, Lliçons de coses: la fotografia que es (revela) rebel·la (Arcàdia, Barcelona, 2025), e presenta como casos de estudo exemplos do panorama artístico actual así como proxectos propios.

Joan Fontcuberta

 

JOAN FONTCUBERTA (Barcelona, 1955) é artista, ensaísta, docente e comisario de exposicións. O seu traballo de creación ocúpase dos conflitos entre a natureza, a tecnoloxía, a fotografía e a verdade, e foi obxecto, durante cinco décadas, de numerosas exposicións individuais e publicacións monográficas. Autor dunha ducia de libros de historia e ensaios sobre fotografía, publicáronse trinta monografías sobre o seu traballo artístico. A súa obra expúxose en museos de todo o mundo, como o MoMA de Nova York, o Art Institute de Chicago, o MUN de Pamplona, o IVAM de Valencia, o FOAM de Ámsterdam, o MEP de París e o Science Museum de Londres, e foi adquirida por numerosas coleccións públicas.

INSCRICIÓN

A participación no seminario é gratuíta, con inscrición previa. O prazo de inscrición estará aberto do 7 ao 25 de setembro de 2026.

As persoas interesadas deberán enviar unha mensaxe electrónica a cgac.prensa@xunta.gal cos seguintes datos: nome completo, estudos, área de traballo ou interese, enderezo de correo electrónico e teléfono de contacto, acompañados dunha carta de motivación.

As persoas seleccionadas para participar no seminario recibirán unha mensaxe electrónica de confirmación.