LA TRAVIATA. Retransmisión en directo da ópera de Giuseppe Verdi
O CGAC é convidado un ano máis a participar na Semana da Ópera do Teatro Real de Madrid. Nesta ocasión, acollerá a retransmisión en directo de La traviata, de Giuseppe Verdi. Unha das óperas máis queridas polo público, unha obra intensa, romántica e tráxica.
Baseada na célebre novela A dama das camelias de Alexandre Dumas, a ópera relata a apaixonada historia de amor entre a cortesá Violetta Valéry e o mozo nobre Alfredo Germont no París do século XIX. Esta emblemática ópera contén unha música poderosa e emotiva que chega directa ao corazón, con momentos inesquecibles para a nosa cultura popular como as arias “Sempre libera” e “Addio del passato”, ou o famosísimo brinde “Libiamo ne' lieti calici”.
A produción elixida para estas funcións, deseñada e dirixida por Willy Decker, preséntanos á protagonista no centro dun destino inevitable, rodeada dunha sociedade burguesa hipócrita e opresora, impotente ante o paso implacable do tempo. Un trío de grandes voces encabezado por Adela Zaharia (Violetta Valéry), Xabier Anduaga (Alfredo Germont) e Artur Rucinski (Giorgio Germont) darán vida a esta apaixonante historia xunto ao Coro e Orquestra Titulares do Teatro Real, baixo a dirección musical de Henrik Nánási.
