MEMORIAS DUNHA IMAXE LATENTE II. DAS VANGARDAS AO POSMODERNISMO (1900-1970). Curso de historia da fotografía
Este curso realiza un percorrido en imaxes desde o xurdimento das vangardas artísticas, nos inicios do século XX, ata a aparición do posmodernismo, na década de 1970, un período que supuxo unha transformación radical na maneira de entender a fotografía.
Trátase dunha visión particular da evolución da fotografía a través das diferentes correntes artísticas e documentalistas que xurdiron neses setenta anos de importantes cambios históricos. Unha mirada a través dunha serie de protagonistas que, no marco do seu contexto social, cultural e de pensamento, definiron o modernismo fotográfico. Unha viaxe apaixonante a través da fotografía de boa parte do século XX.
PROGRAMA
BLOQUE I. Introdución
28 xaneiro. A vida moderna. A fotografía de reforma social. A fotografía en movemento. A fotografía de tipos. O cambio de paradigma na fotografía
BLOQUE II. Unha nova visión (1900-1945)
4 febreiro. O futurismo. O construtivismo ruso. O vorticismo
11 febreiro. A nova obxectividade
18 febreiro. Dadaísmo e Bauhaus. O surrealismo I
25 febreiro. O surrealismo II
11 marzo. A straight photography e o grupo F64
18 marzo. A fotografía documental I: guerra e revolución
25 marzo. A fotografía documental II: reportaxe social
BLOQUE III. Os anos de gloria da fotografía (1945-1975)
1 abril. A fotografía humanista: The Family of Man
8 abril. A fotografía do eu: a mirada existencial
22 abril. A fotografía subxectiva. A Bauhaus americana
29 abril. A nova paisaxe social
6 maio. A fotografía en cor
13 maio. Fotografía e arte conceptual
20 maio. O salto ao posmodernismo
FUCO REYES (Santiago de Compostela, 1965) é fotógrafo, licenciado en Psicoloxía Social e especialista en Psicoloxía Clínica. Estudou Ciencias da Comunicación na Universidade de Santiago de Compostela. Diplomado en Fotografía Artística Contemporánea, enfocou o seu labor profesional, en gran medida, á docencia. Impartiu cursos e talleres de fotografía na USC e no CGAC, e foi profesor en Node Estudos de Arte Online. Actualmente, dirixe talleres en Eco Escuela de Arte. Realizou diferentes exposicións, entre as que cabe destacar as que tiveron lugar no Xapón, no ano 2010, e no CGAC, en 2013. Tamén recibiu numerosos premios nacionais de fotografía profesional e foi galardoado recentemente co Premio Luis Ksado de Creación Fotográfica. É presidente da asociación cultural Fotoforum Compostela.
PERSOAS DESTINATARIAS
Calquera persoa interesada na historia da fotografía
INSCRICIÓN
O prazo de inscrición estará aberto desde o 3 de decembro de 2024 ata o 24 de xaneiro de 2025. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe de correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal. Nela deberán indicar os seguintes datos: apelidos, nome, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a súa solicitude, as persoas rexistradas recibirán información sobre como deben realizar o pago.
CERTIFICACIÓN
O CGAC expediralles un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 70 % das sesións.
