MESA REDONDA SOBRE COLECCIONISMO
Un ano máis, o CGAC colabora con Aberto —unha iniciativa promovida pola Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia— acollendo unha mesa redonda sobre coleccionismo, organizada en colaboración co Departamento de Historia da Arte da USC.
No contexto de Aberto 2025, os coleccionistas Ana Isabel Álvarez Goyanes e Luis Miguel López Rodríguez, ambos os dous residentes en Monforte de Lemos, conversarán co historiador da arte Pedro de Llano Neira sobre o coleccionismo en Galicia. Como se inicia unha colección? Cando se recoñece alguén como coleccionista? Como se orienta a identidade dunha colección particular? Como resulta a convivencia cotiá coas obras? Como son as relacións con artistas, galeristas, comisarios, críticos? En que medida afecta a normativa fiscal á paixón por adquirir obras de arte? Cal é o destino dun proxecto de coleccionismo de cara ás xeracións futuras? Estas e outras cuestións serán obxecto de reflexión no encontro que terá lugar o 27 de outubro no CGAC.
PEDRO DE LLANO NEIRA (Santiago de Compostela, 1977) é profesor do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e comisario de exposicións. Desde 2025 coordina o Máster en Xestión da Arte e do Patrimonio Cultural no Departamento de Historia da Arte da USC.
Dedicou a súa tese de doutoramento á crítica materialista de Clement Greenberg (2009). O seu proxecto de posdoutoramento estudou os diálogos transatlánticos entre Europa e América, no contexto das diversas prácticas conceptuais dos sesenta, a través das investigación dedicadas a artistas como Bas Jan Ader, Dan Graham, John Knight, David Lamelas e Maria Nordman. Este proxecto desenvolveuse no Getty Research Institute e no Institute of Fine Arts da New York University (NYU).
En paralelo, o seu traballo prestou atención aos debates contemporáneos relacionados coa crítica institucional, a memoria histórica, as prácticas decoloniais e a ecoloxía política, desde o punto de vista de comunidades periféricas e minorizadas, en exposicións e publicacións como El medio es el museo (2008) ou La ballena negra (2012), entre outras. En 2017 obtivo unha bolsa, xunto coa comisaria Estelle Nabeyrat, para investigar os artistas no exilio na colección do Centre National d’Arts Plastiques (CNAP), en París.
ANA ISABEL ÁLVAREZ GOYANES (Pantón, Lugo, 1973) e LUIS MIGUEL LÓPEZ RODRÍGUEZ (Monforte de Lemos, Lugo, 1968) son coleccionistas de arte e profesores de educación secundaria residentes en Monforte de Lemos. Ambos formaron parte do xurado dos certames de pintura organizados polos concellos de Froxán, no Courel, e Monforte de Lemos en varias edicións entre os anos 2014 e 2019.Como coleccionistas, foron convidados a participar en feiras de arte contemporánea como ARCO Lisboa, ARCO Madrid, Art Madrid e Arte Santander, e colaboraron con institucións como o Concello de Ferrol, a Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela, cedendo obras da súa colección para exposicións promovidas por ditas entidades.
Ana Isabel Álvarez Goyanes é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo (Facultade de Pontevedra, 1996) e desenvolve o seu labor docente desde 1998 como profesora de educación secundaria, impartindo as materias de Educación Plástica e Audiovisual e Debuxo Técnico en bacharelato. Entre 2015 e 2017 foi profesora asociada no Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal da Universidade de Santiago de Compostela, na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo. Na actualidade, compaxina a súa dedicación ao ensino coa práctica artística e, nos últimos dous anos, participou en ata oito exposicións colectivas e individuais.
Luis Miguel López Rodríguez (Monforte de Lemos, Lugo, 1968) é licenciado en Física pola Universidade de Santiago de Compostela e, entre 1987 e 1992, foi director da revista universitaria de divulgación científica A gota de Millikan. Desde 1998 exerce como profesor de educación secundaria, impartindo materias de Matemáticas, Física, Bioloxía, Tecnoloxía e Dixitalización.
PERSOAS DESTINATARIAS
Esta actividade está dirixida a estudantes, galeristas, coleccionistas e profesionais da xestión cultural.
