MIES É +. Talleres experimentais de arquitectura contemporánea 2020-2021
O CGAC presenta a sexta edición deste ciclo de talleres dedicado á arquitectura contemporánea para o público infantil. E como vén sendo habitual pecharemos o programa cun taller dirixido ás familias.
Os talleres, que teñen lugar a última fin de semana de cada mes, desenvólvense baixo a dirección do arquitecto e educador Fermín Blanco co apoio do equipo didáctico do Sistema Lupo. O seu obxectivo é proporcionarlles aos nenos e nenas as ferramentas e as claves necesarias para interpretar a arquitectura do noso tempo a través das teorías, os proxectos e os traballos dos arquitectos e arquitectas máis importantes dos últimos tempos.
O Sistema Lupo aposta por unha didáctica activa, experimental, mestura de teoría e práctica onde o xogo é o verdadeiro aglutinante dunha dinámica creativa de carácter cooperativo.
Os temas serán tratados transversalmente empregando a arquitectura como fío condutor. Valerémonos da figura de diversos autores para introducirnos en mundos creativos a través do seu pensamento.
O proxecto educativo baséase tanto na xeración de didácticas como no deseño de recursos a partir de todo tipo de materiais (madeiras, membranas, escumas, arxilas, combinados sintéticos, etc.) e exploracións no mundo inmaterial que permiten múltiples posibilidades combinatorias, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción. A dinámica proposta fomenta a reflexión e a creatividade individual, así como o traballo en equipo a través do xogo e a construción a grande escala.
Nesta edición profundaremos novamente no pensamento dos grandes pioneiros co habitual acento nas nosas pioneiras. Viaxaremos entre os manifestos de Scott Brown e as conexións arte-industria de Gropius, apoiadas en metodoloxías de educación activa e experimental. As artes aplicadas terán un protagonismo especial da man de Margaret Macdonald e a visión artística estará ligada á parella formada por Christo e Jeanne-Claude así como á figura de Yona Friedman. Os talleres de febreiro e marzo constitúen pois o noso particular tributo a dous grandes talentos recentemente desaparecidos. Por último, abordaremos a práctica do codeseño baseándonos nas experiencias de Stanley King e Susan Chung en Vancouver, e pecharemos o programa anual cun taller familiar sobre o activismo artístico e o compromiso coa visibilización da infancia da man de Palle Nielsen.
TALLERES INFANTÍS
DENISE SCOTT BROWN. APRENDENDO DAS VEGAS
O manifesto arquitectónico a través dunha viaxe á arquitectura do lecer
24 OUTUBRO. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
25 OUTUBRO. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 13 ao 23 de outubro
WALTER GROPIUS. CREANDO ESCOLA
Arte e industria: a educación experimental en arquitectura
28 NOVEMBRO. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
29 NOVEMBRO. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 16 ao 27 de novembro
MARGARET MACDONALD. A OBRA DE ARTE TOTAL
30 XANEIRO. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
31 XANEIRO. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 18 ao 29 de xaneiro
CHRISTO E JEANNE-CLAUDE. LAND ART
A intervención de edificios a escala natural
27 FEBREIRO. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
28 FEBREIRO. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 26 de febreiro
YONA FRIEDMAN. A ARQUITECTURA MÓBIL
Xogos de módulos, crecementos infinitos
27 MARZO. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
28 MARZO. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 26 de marzo
STANLEY KING E SUSAN CHUNG. CODESEÑO
Procesos de participación e análise crítica
24 ABRIL. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
25 ABRIL. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 12 ao 23 de abril
TALLER ESPECIAL PARA FAMILIAS
PALLE NIELSEN. INFANCIA E ACTIVISMO
A creatividade e a infancia como ferramenta de cambio social
29 MAIO. Para familias con nenos e nenas de 6 a 8 anos
30 MAIO. Para familias con nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 5 familias / Prazo de inscrición: do 18 ao 28 de maio
IMPARTEN
Patricia González e Víctor González, arquitectos.
INSCRICIÓN
Todos os talleres son gratuítos. As persoas interesadas poderán inscribirse, dentro dos prazos establecidos, a través do correo electrónico cgac.educacion@xunta.gal indicando os seguintes datos: nome completo e idade dos participantes, número de teléfono e enderezo de correo electrónico de contacto, e nome do taller ao que desexan asistir. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas solicitantes recibirán unha notificación por correo electrónico.
