T.arq_. Jane Drew-1.jpg

MIES É +. Talleres experimentais de arquitectura contemporánea 2022

29 Xaneiro 2022 - 29 Maio 2022
Sábados e domingos de 11:00 a 13:00 h

Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Fermín Blanco
Prazas:
12 por taller
Matrícula:
actividade de balde con inscrición previa

O CGAC presenta a sétima edición deste ciclo de talleres dedicado á arquitectura contemporánea para o público infantil.

Os talleres, que teñen lugar a última fin de semana de cada mes, desenvólvense baixo a dirección do arquitecto e educador Fermín Blanco co apoio do equipo didáctico do Sistema Lupo. O seu obxectivo é proporcionarlles aos nenos e nenas as ferramentas e as claves necesarias para interpretar a arquitectura do noso tempo a través das teorías, os proxectos e os traballos dos arquitectos e arquitectas máis importantes dos últimos tempos.

O Sistema Lupo aposta por unha didáctica activa, experimental, mestura de teoría e práctica onde o xogo é o verdadeiro aglutinante dunha dinámica creativa de carácter cooperativo.

Os temas serán tratados transversalmente empregando a arquitectura como fío condutor. Valerémonos da figura de diversos autores para introducirnos en mundos creativos a través do seu pensamento.

O proxecto educativo baséase tanto na xeración de didácticas como no deseño de recursos a partir de todo tipo de materiais (madeiras, membranas, escumas, arxilas, combinados sintéticos, etc.) e exploracións no mundo inmaterial que permiten múltiples posibilidades combinatorias, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción. A dinámica proposta fomenta a reflexión e a creatividade individual, así como o traballo en equipo a través do xogo e a construción a grande escala.

Nesta edición profundaremos novamente no pensamento dos grandes pioneiros co habitual acento nas nosas pioneiras. Proxectaremos, en clave metabolista, as nosas propias torres cápsula ao modo nipón, internarémonos no mundo das medidas desde o antropométrico ao normativo da man da familia Neufert, achegarémonos á bioconstrucción en clave contemporánea a través do traballo de Lacaton e Vassal e reflexionaremos sobre a utopía da cidade e o territorio a partir da obra e pensamento de César Manrique, en clave paisaxística, e Jane Drew, cunha perspectiva urbana.

 

PROGRAMA

KISHO KUROKAWA. A TORRE CÁPSULA
29 XANEIRO. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
30 XANEIRO. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 14 ao 25 de xaneiro ás 13:00 h

JANE DREW. CHANDIGARH: A CIDADE UTÓPICA
26 FEBREIRO. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
27 FEBREIRO. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 24 de febreiro ás 13:00 h

LACATON & VASSAL. REHABILITAR EN CLAVE BIO: XOGOS DE MÓDULOS, CRECEMENTOS INFINITOS
Sábado, 26 de marzo. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 27 de marzo. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 24 de marzo ás 13:00 h

NEUFERT. UNHA FAMILIA PEGADA A UNHA CINTA MÉTRICA
Sábado, 23 de abril. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 24 de abril. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 12 ao 21 de abril ás 13:00 h

CÉSAR MANRIQUE. PAISAXE CONSTRUÍDA
Sábado, 28 de maio. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 29 de maio. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 16 ao 24 de maio ás 13:00 h

 

IMPARTE

Tono Mejuto

 

INSCRICIÓN

Todos os talleres son de balde. As persoas interesadas poderán inscribirse, dentro dos prazos establecidos, a través do correo electrónico cgac.educacion@xunta.gal indicando os seguintes datos: nome completo e idade dos participantes, número de teléfono e enderezo de correo electrónico de contacto, e nome do taller ao que desexan asistir. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas solicitantes recibirán unha notificación por correo electrónico.