MIES É+ TALLERES EXPERIMENTAIS DE ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA 2025
MIES É+ TALLERES EXPERIMENTAIS DE ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA 2025

MIES É+. Talleres experimentais de arquitectura contemporánea 2025

25 Xaneiro 2025 - 08 Xuño 2025
Sábados e domingos de 11:00 a 13:00
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Fermín Blanco
Prazas:
12 por taller. Actividade de balde con inscrición previa

O CGAC presenta a décima edición deste ciclo de talleres dedicados á arquitectura contemporánea e dirixidos ao público infantil, cunha sesión final pensada para aprender e gozar en familia.

Os talleres, que teñen lugar a última fin de semana de cada mes, desenvólvense baixo a dirección do arquitecto Fermín Blanco, co apoio do equipo didáctico do Sistema Lupo. O seu obxectivo é proporcionarlles aos nenos e nenas as ferramentas e as claves necesarias para interpretar a arquitectura contemporánea a través das teorías, os proxectos e os traballos dos arquitectos e arquitectas máis importantes dos últimos tempos.

O Sistema Lupo aposta por unha didáctica activa, experimental, mestura de teoría e práctica, onde as ferramentas de xogo cooperativo arredor da construción constitúen o eixe da investigación.

A parte práctica dos talleres artéllase sobre a base unha serie de pezas modulares que permiten múltiples posibilidades combinatorias, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción. As dinámicas que se propoñen fomentan a reflexión e a creatividade individual e o traballo en equipo a través da construción a grande escala.

Nesta edición abordaremos o espazo público, o seu uso e a súa análise a través da mirada dun dos urbanistas e sociólogos máis observadores, o neoiorquino William Whyte, que reflexionou acerca da vida dos pequenos espazos abertos das cidades. Gae Aulenti, unha arquitecta con múltiples facetas nos eidos do deseño e da escenografía, erguerá o pano para mostrarnos un abano de posibilidades creativas que, a continuación, darán paso ao manifesto urbano de Patrick Geddes e ás súas cidades en evolución. Co mestre Gunnar Asplund viaxaremos a Suecia para gozar da súa arquitectura e do seu territorio. Para rematar o curso, como xa vén sendo habitual, organizaremos unha sesión de 10, que funcionará como un repaso de todo o visto durante esta edición: un especial MIES é + en familia. 

 

PROGRAMA
TALLERES PARA PÚBLICO INFANTIL

XANEIRO. William Whyte. A vida social dos pequenos espazos
Sábado, 25 de xaneiro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 26 de xaneiro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 23 de xaneiro

FEBREIRO. Gae Aulenti. Érguese o pano: a arquitectura en escena
Sábado, 22 de febreiro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 23 de febreiro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 12 ao 20 de febreiro

MARZO. Patrick Geddes. Cidades en evolución
Sábado, 29 de marzo. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 30 de marzo. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 19 ao 27 de marzo

ABRIL. Gunnar Asplund. Construír co territorio
Sábado, 26 de abril. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 27 de abril. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 16 ao 24 de abril

TALLERES PARA FAMILIAS

XUÑO. Un día de 10!  
Sábado, 7 de xuño. Para familias con nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 8 de xuño. Para familias con nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 24 / Prazo de inscrición: do 28 de maio ao 5 de xuño

 

IMPARTE

Denís Gándara

 

INSCRICIÓN

Todos os talleres son de balde. As persoas interesadas poderán inscribirse, dentro dos prazos establecidos, a través do correo electrónico cgac.educacion@xunta.gal indicando os seguintes datos: nome completo e idade das persoas participantes, número de teléfono e enderezo electrónico de contacto, o nome e número de DNI das persoas autorizadas para recoller os e as menores no CGAC e o nome do taller ao que desexan asistir.

Poderase inscribir un máximo de dúas persoas mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas solicitantes recibirán unha notificación por correo electrónico.