MUNDO QUARK: DANZA CUÁNTICA. Taller de danza e ciencia
O CGAC colabora co barrio de San Pedro e co IGFAE neste taller que hibrida a danza contemporánea e a ciencia.
A partir do Modelo estándar de física de partículas, as persoas participantes na actividade investigarán unha serie de elementos a través do seu corpo e do movemento.
A proposta busca representar as teorías cuánticas de campos, que describen partículas elementais e a interacción entre elas, como accións producidas na danza, e explora a interconexión entre ambas as dúas disciplinas. As partículas elementais son as entidades de materia máis pequenas coñecidas coas que somos quen de describir o universo.
Deseñamos esta actividade como un espazo no que os corpos poidan expresarse como entes irredutibles, nos que a cinemática propia se rexa polas interaccións fundamentais da forza nuclear e nos afaste dos contidos físicos clásicos descritos na danza.
Propoñémoslles ás persoas interesadas un reto que consiste en explorar os límites do corpo. Queres intentar dar un xiro de 720 graos? Os fermións poden, descúbreo!
IMPARTEN
PAULA QUINTAS (Ourense, 1983) é bailarina, artista circense, coreógrafa, pedagoga e xestora cultural. Ten un mestrado en artes escénicas pola Universidad Rey Juan Carlos e investiga os límites e as confluencias das artes corporais, dentro do Programa de creación e investigación na arte contemporánea, na Universidade de Vigo. O seu traballo destaca polo diálogo entre o corpo e o movemento, xerando un compoñente visual. Guiará a investigación corporal dos modelos matemáticos no mundo cuántico e orientará as persoas participantes na creación dunha mostra de danza cos contidos físico-teóricos do obradoiro.
HÉCTOR ÁLVAREZ POL (Ribas de Sil, Lugo, 1972) é profesor no Departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do IGFAE, e move o seu corpo a ritmo de tango. Introducirá os asistentes nos elementos básicos e as interaccións fundamentais da física como ferramentas centrais na conversa coa danza contemporánea.
PERSOAS DESTINATARIAS
Público adulto
INSCRICIÓN
A participación no obradoiro é de balde. Para inscribirse, as persoas interesadas deberán enviar a cgac.educacion@xunta.gal unha mensaxe cos seguintes datos: nome completo, estudos, área de traballo ou interese, enderezo electrónico e teléfono de contacto. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación. Poderán inscribirse un máximo de dúas persoas por solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición.
PRAZO DE INSCRICIÓN
Do 10 ao 26 de xuño de 2024
