Semana museos 2023

MUSEOS, SOSTIBILIDADE E BENESTAR. Semana dos museos 2023

15 Maio 2023 - 21 Maio 2023

Para celebrar o 18 de maio, este ano o Consello Internacional de Museos (ICOM) propón o lema “Museos, sostibilidade e benestar”. Arredor do Día Internacional dos Museos, o CGAC programa unha semana de actividades gratuítas vinculadas á música e á reciclaxe, unha ruta arquitectónica ao aire libre, uns talleres para familias dedicados ao artista marroquí Hassan Darsi —un creador que se caracteriza por construír espazos de benestar e por empregar obxectos cotiáns nas súas obras— e unha visita guiada aos recantos menos coñecidos do CGAC.

 

PROGRAMA
COUSAS DE CATRO. CONCERTO PEDAGÓXICO DO GRUPO ODAIKO

LUNS 15 E MARTES 16 DE MAIO

Neste espectáculo musical pedagóxico, o grupo de percusión Odaiko mestura a reciclaxe, o enxeño e a creación de son.

Durante o concerto, emprega instrumentos de reciclaxe de creación propia ou da música tradicional para compoñer, a través da improvisación, unha sinfonía de sons cunha posta en escena interactiva na que o público dá o último golpe.
O grupo Odaiko fundouse en Holanda en 2003 e está integrado por catro músicos licenciados en percusión clásica, jazz e contemporánea.

HORARIOS: 11:00-12:00 h. Primeira quenda / 12:15-13:15 h . Primeira quenda /
LUGAR: Auditorio do CGAC
PRAZAS: 250 por quenda. Entrada de balde, con inscrición previa
PRAZO DE INSCRICIÓN: do 2 ao 9 de maio
PERSOAS DESTINATARIAS: grupos escolares do primeiro e segundo ciclo de primaria
INSCRICIÓN: Os centros interesados deben enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal cos seguintes datos: nome do centro, número de participantes, curso ou idade, número de teléfono, enderezo electrónico e nome da persoa responsable do grupo.
As prazas cubriranse por orde de inscrición e as persoas solicitantes recibirán unha notificación do estado da súa solicitude por correo electrónico.

 

O CGAC E OUTROS FITOS DA ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA COMPOSTELÁ. RUTA DE ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA

SÁBADO 20 DE MAIO

A arquitectura e o urbanismo contemporáneos son os grandes descoñecidos da cidade de Compostela. Esta ruta recolle unha mostra das actuacións feitas nos últimos cincuenta anos que, de forma continua, foron definindo e singularizando a zona norte da cidade. Falaremos da relación entre a arquitectura e a paisaxe, do diálogo entre a tradición e a modernidade, así como da pedra e das novas linguaxes arquitectónicas.

HORARIO: 11:00-13:30 h
PRAZAS: 20
De balde, con inscrición previa
PRAZO DE INSCRICIÓN:  do 11 ao 12 de maio
INSCRICIÓN: Para participar, cómpre inscribirse enviando unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal cos seguintes datos: nome completo das persoas participantes, número de teléfono, enderezo electrónico e estudos, área de traballo ou interese.
Poderanse inscribir un máximo de dúas persoas participantes mediante cada solicitude.
As prazas cubriranse por orde de inscrición e as persoas solicitantes recibirán unha notificación do estado da súa solicitude por correo electrónico.

DIRIXE: Carmen Rey

 

EN DOURADO. TALLERES PARA FAMILIAS ARREDOR DA OBRA DE HASSAN DARSI

SÁBADO 20 E DOMINGO 21 DE MAIO

Actividade dirixida a familias con nenos e nenas de entre 4 e 9 anos que queiran descubrir o amplo universo da arte contemporánea ou profundar no seu coñecemento.

O artista marroquí Hassan Darsi pensa que a arte pode axudar a cambiar o mundo e a desenvolver a cultura dun país. O seu traballo está influenciado pola súa vida e pola súa contorna; por iso, en moitas ocasións propón novas formas de construción para facer das rúas e dos edificios lugares para o benestar da xente. Ademais, adoita colaborar con persoas de ámbitos diversos para crear obras coas que consegue transformar obxectos cotiáns reciclándoos e dándolles unha segunda vida por medio da arte. A cor dourada é unha das súas favoritas: emprégaa nas súas esculturas, pinturas e instalacións. Queres descubrir por que? Acompáñanos neste taller no que crearemos paisaxes de ouro e deseñaremos os nosos espazos ideais.

Sábado 20 de maio. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 21 de maio. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

HORARIO: 11:00-13:00 h

PRAZAS: 10 menores, acompañados cada un por un máximo de 2 familiares en cada taller
De balde, con inscrición previa
PRAZO DE INSCRICIÓN: do 9 ao 18 de maio
INSCRICIÓN: As familias interesadas poden inscribirse enviando unha mensaxe a cgac.educacion@xunta.gal cos seguintes datos: os nomes e a idade das persoas que desexan participar no taller, un número de teléfono e un enderezo electrónico de contacto.

As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas solicitantes recibirán unha mensaxe electrónica de confirmación.

DIRIXE:Sara Donoso

 

VISITA GUIADA O CGAC OCULTO

DOMINGO 20 DE MAIO

Para lle pór punto final á Semana dos Museos programamos unha visita especial aos espazos ocultos do CGAC.

O público interesado poderá coñecer os almacéns onde se custodian e conservan as obras de arte, o taller de restauración, o taller de montaxe, o taller de pedagoxía, as oficinas e a sala de xuntas. O percorrido rematará na cuberta do edificio, coroada pola instalación permanente do artista Dan Graham, Triangular Pavilion.

Para participar nesta actividade non é preciso inscribirse previamente. A visita partirá da recepción do CGAC ás 12:00 h e terá unha duración aproximada de 50 minutos. O grupo formarase por orde de chegada.

HORARIO: de 12:00 a 12:50 h
De balde, sen inscrición previa