Talleres do CGAC

MUSEOS UNINDO UN MUNDO DIVIDIDO. Semana dos Museos 2026

18 Maio 2026 - 24 Maio 2026

“Museos unindo un mundo dividido” é o lema proposto polo ICOM (Consello Internacional de Museos) para celebrar o Día Internacional dos Museos o 18 de maio de 2026. Con este título, o ICOM pretende pór de relevo o potencial dos museos para actuar como pontes fronte ás divisións culturais, sociais e xeopolíticas, fomentando o diálogo, o entendemento, a inclusión e a paz dentro e entre as comunidades de todo o mundo.
Concertos didácticos de música contemporánea, unha sesión aberta dun curso de historia da fotografía, visitas ás exposicións en curso e aos espazos habitualmente non accesibles do centro, talleres para familias e a inauguración dunha nova mostra integran a programación que o CGAC organiza ao longo dunha semana. Todas as actividades son de balde.

 

CONCERTOS DIDÁCTICOS SEN PARTITURA

LUNS 18 DE MAIO
LUGAR: Auditorio do CGAC
HORARIO: 10:30-11:30 h (primeira quenda) / 12:00-13:00 h (segunda quenda)
DURACIÓN: 1 hora
Actividade de balde con inscrición previa

Cando nos expoñemos a unha obra de arte, sexa pintura, escultura, música ou danza, poden xurdir unha serie de preguntas: Que significa? Que nos queren dicir as artistas? Entendo esta peza? É unha obra boa ou mala? Isto é arte? Se ademais falamos de arte contemporánea, estas  e outras interrogantes tórnanse máis habituais. Pero... e se o problema está nas preguntas? Neste concerto propoñemos facer o camiño ao revés: imos amosar como traballan os artistas desde o inicio dunha peza, poñendo o foco non no resultado final, senón no impulso inicial que lle dá orixe á obra e no proceso. Será un concerto multidisciplinario no que algunhas das persoas integrantes da ensemble non pertencen ao ámbito musical. Entendendo o corpo como un instrumento máis, convidamos a catro músicos e a dúas bailarinas a formar parte desta agrupación.
Empregando a Soundpainting, unha técnica de vangarda para a composición en tempo real, o director da formación comunícase co grupo mediante unha linguaxe de signos específica que lle permite improvisar sons e movementos, dando lugar a unha acción escénica en constante transformación. Deste xeito, o público convértese en participante activo da experiencia artística.

DESTINATARIOS: Grupos de escolares do primeiro e segundo ciclo de educación primaria
PRAZAS: 250 por quenda
INSCRICIÓN: Para inscribirse ou solicitar máis información sobre esta actividade poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal cos seguintes datos: nome do centro, número de participantes, curso ou idade, número de teléfono, enderezo electrónico e nome da persoa responsable do grupo.
PRAZO DE INSCRICIÓN: do 14 de abril ao 12 de maio

 
VISITA O CGAC POR DENTRO

MARTES 19 DE MAIO
HORARIO: 12:00 e 18:00 h
DURACIÓN: 50 min
Actividade de balde sen inscrición previa

Nestas dúas visitas propoñemos un percorrido especial polos espazos menos visibles do CGAC. O público interesado poderá coñecer os almacéns onde se custodian e conservan as obras de arte, os talleres de restauración e montaxe, o patio inglés, a biblioteca, a aula de educación artística, as oficinas e a sala de xuntas. O percorrido rematará na cuberta do edificio, coroada pola instalación permanente do artista estadounidense Dan Graham, Triangular Pavilion.
A visita partirá da recepción do CGAC ás 12:00 e ás 18:00 h. O grupo formarase por orde de chegada ata un máximo de 25 persoas. As persoas interesadas deberán apuntarse na recepción do centro á súa chegada.

SESIÓN ABERTA DO CURSO MEMORIAS DUNHA IMAXE LATENTE III

XOVES 21 DE MAIO
HORARIO: 19:00-20:30 h
LUGAR: Auditorio do CGAC
DIRIXE: Fuco Reyes

Este curso propón unha apaixonante exploración sobre como os diferentes xeitos de entender a fotografía nas últimas décadas configuraron un mapa do estado actual desta arte.
Fuco Reyes ofrece unha visión persoal que toma como fío condutor o traballo de diversos autores e autoras cuxas motivacións e intencións converxen en temas como a identidade, o territorio, a paisaxe urbana, o corpo e o rostro, a vida íntima, o inexpresivo, a nova fotografía documental, o obxecto e a imaxe construída.
A derradeira sesión do curso, titulada A fotografía construída II, concíbese como unha actividade aberta ao público con motivo da celebración do Día Internacional dos Museos. A entrada será libre e de balde ata completar a capacidade da sala.

 
INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN MISHA BIES GOLAS

VENRES 22 DE MAIO
HORARIO: 20:00 h
LUGAR: Dobre Espazo
COMISARIO: Juan de Nieves

A mediados dos anos noventa, un novo Misha Bies Golas (Lalín, Pontevedra, 1977) descobre o CGAC desde unha sorte de pulsión e curiosidade pola institución que acababa de ser fundada en Santiago de Compostela. Trinta anos despois, o artista regresa cun proxecto que condensa máis de dúas décadas de investigación ao redor das vangardas históricas, entendidas como un campo de tensións, desprazamentos e procesos inacabados.
A ocupación da planta baixa do CGAC preséntase como un campo de forzas no que se dispoñen máis dun centenar de esculturas e pequenas pinturas biomórficas ou amebiformes. Estas pezas enfatizan a manualidade, a economía de medios e a axencia dos materiais, incorporando o erro, a mutabilidade e a continxencia como estratexias produtivas que cuestionan as xerarquías da alta cultura moderna.

 
TALLERES PARA FAMILIAS. PRÓXIMA PARADAAAA!… PALESTINA. LARISSA SANSOUR

SÁBADO 23 DE MAIO (familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos)
DOMINGO 24 DE MAIO (familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos)
HORARIO: 11:30-13:30 h
REALIZACIÓN DO PROXECTO: Sara Donoso
Actividade de balde con inscrición previa

Larissa Sansour mestura a ficción científica co cómic, co vídeo e coa instalación para propoñer futuros alternativos e preguntarse como se constrúe a política e as historias que contamos. A súa obra lévanos ao espazo exterior, ao futuro ou a universos habitados por seres moi diversos, combinando humor, distopía e crítica social. Crearemos países imaxinarios con forma de rañaceos, inventaremos personaxes e poderes, exploraremos planetas por descubrir e construiremos un gran universo colectivo feito de luces, sons e materiais sorprendentes.

INSCRICIÓN: Para inscribirse ou solicitar máis información sobre esta actividade poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal.
PRAZO DE INSCRICIÓN: do 12 ao 21 de maio

 
VISITA GUIADA ÁS EXPOSICIÓNS

DOMINGO 24 DE MAIO
HORARIO: 12:00 h
DURACIÓN: 50 min
Actividade de balde sen inscrición previa

O público poderá achegarse ao CGAC para gozar das exposicións acompañado por mediadoras especializadas en arte. Este servizo ten como finalidade estimular o interese pola creación artística contemporánea e facilitar a comunicación entre as obras de arte e as persoas que interactúan con elas.
As visitas partirán da recepción do CGAC ás 12:00 h. O grupo formarase por orde de chegada ata un máximo de 25 persoas. As persoas interesadas deberán apuntarse na recepción do centro á súa chegada.