NA ORIXE DAS ESPECIES. AS OUTRAS XENEALOXÍAS DA ARTE CONTEMPORÁNEA. Curso de arte contemporánea
Nun exercicio de arqueoloxía, ao longo do curso Na orixe das especies. As outras xenealoxías da arte contemporánea trataremos de desenterrar imaxes e obxectos da cultura popular que a arte converteu en imperecedoiros, a pesar de orixinalmente estaren destinados a seren consumidos rapidamente para desaparecer logo dun primeiro (e a miúdo tamén derradeiro) uso.
Se Darwin no seu día refutou a crenza de que as especies xurdiran espontaneamente e explicou a súa evolución a partir da súa necesidade de adaptación ao medio, nós faremos algo semellante coas manifestacións artísticas. Formularemos unha extrahistoria da arte, noutras palabras, unha historia da arte baseada na evolución que debuxan as interferencias entre os e as artistas e o mundo exterior.
A finais do século XIX xurdiron unha chea de avances técnicos, sociais e culturais; unhas innovacións que crearon as condicións para que agromasen moitas das solucións plásticas adoptadas polas vangardas e que aínda hoxe están vixentes na práctica artística contemporánea.
A cultura de masas substituíu a arte como protagonista hexemónica na produción de imaxes e, pola primeira vez na historia, os e as artistas do futuro nacen, como o pintor da vida moderna retratado por Baudelaire, dentro dun fluxo de imaxes en continuo movemento e enfróntanse ao reto de plasmar un mundo onde priman a fugacidade, o efémero e o continxente.
A nosa andaina discorrerá por estradas secundarias na procura dun camiño posible cara a unha nova vía: unha proposta de indagación que confirme os imparables cambios da sociedade como auténtico motor da renovación dunha linguaxe artística que non deixa de evolucionar.
PROGRAMA
14 NOVEMBRO
O fugaz, o efémero e o continxente. A imaxe dun mundo en movemento
O período da belle époque concentra o maior número de avances tecnolóxicos da historia dunha humanidade que camiña cara a un mundo de revolucións sociais e industriais. Todos estes cambios levan consigo un novo sistema de valores e unha nova forma de ver e entender o mundo e a vida que se han reflectir na arte de movementos como o futurismo ou o cubismo.
15 NOVEMBRO
Avoir l’apprenti dans le soleil
En 1914 Marcel Duchamp realiza un enigmático debuxo nunha folla dun caderno de música, onde un ciclista busca o equilibrio sobre unha delgada liña. O título da obra, que podería traducirse como “ter o aprendiz ao sol”, evoca a indagación e a reflexión sobre a sombra como un factor configurador do discurso estético do artista.
21 NOVEMBRO
O maior espectáculo do mundo
O nacemento do dadaísmo durante a Primeira Guerra Mundial non é un feito anecdótico; a procura do irreal por parte do surrealismo unha vez finalizado o conflito, tampouco. Ambos os movementos artísticos son fieis a unha arte que se contaxia do ecosistema no que xorde, explorando e desafiando as convencións artísticas e a realidade cotiá nun momento en que a destrución conforma a paisaxe visible tras o esvaecemento do fume dos canóns.
22 NOVEMBRO
Sunset Boulevard. No crepúsculo da alta cultura
A cultura de masas, que fora un mero rumor no medio do estrondo da vangarda, convértese agora na banda sonora hexemónica dos movementos artísticos que, tras o apoxeo do expresionismo abstracto na fin da década dos cincuenta, introducen gradualmente as imaxes produto do capitalismo triunfante no repertorio de temas artísticos.
SUSO FANDIÑO (Santiago de Compostela, 1971) é un artista e teórico galego vinculado á arte conceptual desde unha perspectiva multidisciplinaria.
Licenciado e doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo e en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, desenvolve un amplo labor como docente, investigador e divulgador da arte contemporánea nos centros e institucións máis importantes de Galicia.
Inicia a súa traxectoria artística co cambio de século, integrándose na nova xeración de artistas que protagonizaron o cambio de dirección da arte galega a partir da segunda década dos noventa, tras a creación do CGAC, a Facultade de Belas Artes de Pontevedra e as grandes institucións museísticas do Estado español. Participou en numerosas exposicións tanto nacionais coma internacionais, entre as que destacan as individuais Wunderkammer (CGAC, Santiago de Compostela, 2022) e History of the Future (Appleton Square, Lisboa, 2024). A súa obra foi premiada en múltiples ocasións e forma parte de coleccións públicas e privadas como a Fundación Pedro Barrié de la Maza, Afundación Obra Social Abanca, a Fundación Coca-Cola España, a Jan Michalski Fondation ou a Colección CGAC. A súa obra O CGAC está aquí (2023), concibida expresamente con motivo do 30.º aniversario do CGAC, pódese ver actualmente na fachada do museo.
PERSOAS DESTINATARIAS
Profesorado de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato nas materias de Historia da Arte e Fundamentos Artísticos, estudantes de Belas Artes e Historia de Arte e persoas con inquietudes culturais
INSCRICIÓN
O prazo de inscrición estará aberto desde o 23 de outubro ata o 12 de novembro de 2024. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a edu.cgac@gmail.com Nela deberán indicar os seguintes datos: apelidos, nome, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Unha vez aceptada a solicitude, as persoas inscritas recibirán información sobre como realizar o pagamento.
CERTIFICACIÓN
O CGAC expediralles un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 70 % das sesións.
