NA VARANDA. PROXECTO DE ARTE COA XENTE DOS BARRIOS E COLECTIVOS CIDADÁNS
Horario: venres de 18:30 a 20:30 h
Na varanda é un programa educativo e de creación cuxo obxectivo é o encontro, o diálogo e o achegamento entre o museo e a veciñanza de Santiago de Compostela.
É unha proposta na que o público realizará a súa propia exposición de arte contemporánea empregando as obras dos fondos da Colección CGAC. As persoas participantes poderán coñecer de primeira man todo o proceso, fases e aspectos que agocha unha mostra artística.
Procuramos que a cidadanía se converta nun axente máis dos procesos culturais da súa contorna creando contidos que formen parte da programación do CGAC.
O proxecto está estruturado nunha serie de talleres nos que ensinaremos as claves da arte contemporánea e o traballo dos seus protagonistas.
O CGAC actuará como unha plataforma onde lles dar sentido ás narrativas persoais ou de cada colectivo creando un espazo común entre a comunidade e o patrimonio. Trataremos de visibilizar novos discursos que permitan establecer conexións entre a institución, o público e o contexto.
PROGRAMA
PARTE 1
23 de novembro. Introdución ao proxecto
21 de decembro. Aproximación ao CGAC e á súa colección
25 de xaneiro. Experimentación no taller
22 de febreiro. Claves para a elaboración dunha exposición
PARTE 2
marzo–xuño. Acordaranse as datas cos colectivos participantes para o desenvolvemento da exposición.
CANDELA RAJAL ALONSO
É graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e está especializada en museoloxía e educación artística. Desde 2012 traballa en diversos ámbitos relacionados coa xestión cultural, forma parte do equipo DARDO ou do Museum van Hedendaagse Kunst de Anveres e traballa tamén en diversas galerías de arte como Annie Gentils Gallery (Anveres) ou Formato Cómodo (Madrid). Compaxina a súa faceta de investigadora coa realización de talleres e proxectos de educación artística en diversas institucións como o Centro Galego de Arte Contemporánea, a Rede Museística de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, e asociacións como Arela ou a Asociación de Altas Capacidades de Galicia e centros culturais como o Centro Xove da Almáciga. Actualmente forma parte de Plano Pementa, Sociedade Cooperativa Galega.
REBECA MARIÑO SOUTO
É experta en xestión cultural pola USC, especialista en Belas Artes pola Universidade de Vigo e técnica superior en animación sociocultural. Traballou para os departamentos de educación do CGAC e Afundación. Colabora activamente con diferentes institucións culturais realizando proxectos educativos dirixidos a público infantil e familiar, e combinando o seu labor profesional coa de coordinadora de actividades extraescolares en diversos colexios de Educación Primaria. Actualmente forma parte de 7H, Cooperativa Cultural onde desenvolve o seu traballo como xestora cultural, educadora artística e responsable do departamento de educación.
DESTINATARIOS
Asociacións socioculturais, veciñais e todo tipo de colectivos cidadáns ou persoas interesadas no proxecto.
PRAZAS: 20
INSCRICIÓN
O período de inscrición está aberto ata o 30 de novembro. As persoas ou colectivos interesados poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal. Deben indicar o seu nome completo ou nome do colectivo, DNI, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un número de teléfono de contacto.
MATRÍCULA: De balde
DIRECCIÓN: Candela Rajal e Rebeca Mariño
COORDINACIÓN: Virginia Villar
