
Por cuarto ano consecutivo o CGAC colabora coa Universidade de Santiago de Compostela no desenvolvemento das nerd nites.
Ao longo destas noites tan especiais, os convidados falan co público das disciplinas que os apaixonan nun ton distendido e fóra do ámbito académico. Son conversas sobre literatura, política, medicina, matemáticas, bioloxía, arte… que teñen como premisa a sinxeleza de conceptos e de contidos.
As nerd nites nacen en Estados Unidos e chegan hai tres anos a Santiago de Compostela, que se converte na cidade pioneira desta orixinal iniciativa en España. Nerd é o acrónimo en inglés de Non-Emotionally-Responding Dude (persoa de pouca resposta emocional), individuos que fusionan as súas paixóns coa súa vida dando lugar a unhas personalidades peculiares.
Os relatores conxugan unha traxectoria académica brillante cunha gran capacidade comunicativa, requisitos esencias para participar na actividade.
O vindeiro mércores 30 de marzo, ás 21:30 h, terá lugar unha nova edición na Cantina do CGAC.
A actividade é de acceso libre e gratuíto até completar as localidades.
PROGRAMA
As confidencias de Einstein ao seu avogado e viceversa. José Ramón Chaves García, Maxistrado do Tribunal Superior de Xusticia de Galicia
Hai música no home? E nas mulleres? Pablo Carpintero Arias, bioquímico, etnomusicólogo e artesán.
Desmontando Fukushima. Carlos Paradela Dobarro, investigador do Centro Común de Investigación da Comisión Europea