NEW FASHION: MODA EXPERIMENTAL E PERFORMANCE. Curso de moda
A escenografía volveuse unha das claves dos desfiles nos que as grandes firmas de moda mostran as súas coleccións. As marcas non só buscan atraer o público pola súa roupa, senón tamén polos grandes shows que envolven as presentacións sobre a pasarela.
A década de 1990 supuxo un claro momento de ruptura na concepción dos desfiles de moda. É a partir de entón cando irrompen con forza deseñadores como Alexander McQueen, John Galliano e máis tarde Hussein Chalayan, Raf Simons ou Viktor & Rolf, que non só imprimen un marcado estilo de autor, senón que tamén abren as portas á creación das presentacións arredor dos conceptos nos que se inspiran os deseñadores para as súas coleccións.
Ademais, os modelos corporais canónicos son transcendidos por unha nova xeración de creadores que pretenden que a moda apele ao público cunha proposta performativa, conceptual e, en suma, artística.
PROGRAMA
18 FEBREIRO. Os precursores I
25 FEBREIRO. Os precursores II
4 MARZO. Dior e os seus artífices
18 MARZO. Alexander soña
BLANCA PAULA RODRÍGUEZ GARABATOS (Santiago de Compostela, 1973) é catedrática en Xeografía e Historia, investigadora e docente. Licenciouse en Dereito e en Historia, na especialidade de Historia Contemporánea e Estudos Americanos, pola Universidade de Santiago de Compostela, e é doutora en Estudos Literarios pola Universidade da Coruña, cunha tese titulada Moda de la belle époque e indumentaria en la obra de Emilia Pardo Bazán.
Impartiu conferencias sobre moda en diferentes seminarios da UDC e participou na Fashion and Design Conference, organizada en 2020 pola Escola de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) en Pontevedra. Dirixiu os cursos Vestindo a época. A moda, a oitava arte (2021), Feminino plural: catro evanxelistas da moda na arte contemporánea (2022) e Diálogos Avant Garde (2024), organizados polo CGAC. Ademais, é autora dos libros Emilia Pardo Bazán y la moda e Emilia Pardo Bazán: visiones del dandismo, publicados ambos por Hércules Ediciones. En 2023 recibiu o XIV Premio Manuel Murguía de ensaio por un texto titulado Catro exemplos da arte dexenerada galega fóra da España saudable. Colabora de maneira habitual coas revistas de cinema Versión original e Icónica, e é autora de diversos artigos sobre as relacións entre a moda, a literatura e a arte en publicacións como Tropelías, Boletín galego de literatura, DeSignis, Cuadernos hispanoamericanos ou La tribuna.
PERSOAS DESTINATARIAS
Persoas interesadas na historia da moda.
INSCRICIÓN
O prazo de inscrición está aberto desde o 9 de xaneiro ata ao 16 de febreiro de 2026. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal, onde deberán indicar o seu nome e apelidos, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.
Unha vez que se acepte a solicitude, as persoas rexistradas recibirán información sobre como deben realizar o pago.
CERTIFICACIÓN
O CGAC expediralles un certificado de aproveitamento do curso a todas aquelas persoas que participen, como mínimo, no 60 % das sesións.
